A autoxestión cultural do Liceo Mutante "resiste" para non desaparecer

A asociación promove desde hai unha década unha actividade cultural autoxestionada que transcende o institucional. O feche de Ence e o negocio urbanístico precipitaron unha orde de cesamento que pon en risco a súa continuidade. 
Actividade no Liceo Mutante de Pontevedra este verán.
photo_camera Actividade no Liceo Mutante de Pontevedra este verán.

Dez anos de actividade cultural e máis de 10.000 socios. É o balance do Liceo Mutante, asociación que apoia e promove a cultura autoxestionada en Pontevedra desde 2011 cuxo futuro se ve agora ameazado como dano colateral do eventual feche de Ence e o negocio urbanístico.

Dese os seus inicios, as persoas responsábeis deste centro de autoxestión cultural manifestáronse a favor da saída da fábrica de celulosas da súa actual localización en Lourizán, en terreos próximos á ría.

Revalorización urbanística

As sentenzas que presaxian a súa marcha, que anulan a prórroga que lle concedeu á pasteira o Goberno de Mariano Raxoi, ocasionaron unha serie de movementos por parte de construtoras ante a revalorización urbanística da zona.

Mollabao é un dos puntos afectados. Situado xusto antes de Lourizán, este barrio acolle numerosas casas en estado de semiabandono. Esa era tamén a situación do Liceo Mutante antes de que chegasen os seus actuais inquilinos, que coidaron os camelios do xardín con vistas ao mar, fixeron unha cabana nunha árbore e plantaron unha horta.

"Durante todo este tempo levamos pagos máis de 90.000 euros de aluguer e resulta que o inmóbel non está nin rexistrado do todo. Foi unha sorpresa", destaca a socia Sara Pena, durante moito tempo na xunta directiva do Liceo.

O número 100 da rúa Rosalía de Castro vese agora no medio dunha "tormenta perfecta" que vai "máis aló" das trabas que sufriron en anteriores ocasións, segundo advirten as promotoras do Liceo Mutante.

A finais de outubro, a asociación reibiu unha orde de cesamento de actividade ao carecer de licenza. Mais Pena defende que o que o Liceo organiza alí "non encaixa do todo" na lei estatal de espectáculos que se lle pretende aplicar, senón que é máis amplo: concertos, cinema, talleres, charlas... De feito, "moitas veces viña a Policía Local e non sabía moi ben nin que dicirnos", apunta.

Neste sentido, os espazos autoxestionados aspiran a que as Administracións articulen unha normativa diferenciada e específica para a súa finalidade, un propósito no que traballa neste momento o Liceo Mutante, en fase de preparación de alegacións co seu avogado contra o expediente que lle abriu o Concello de Pontevedra.

Posíbel convivencia

O Consistorio, liderado polo BNG, asegura que non tivo máis opción que notificar o cesamento de actividade. "Comunicámolo hai máis dun mes. Había denuncias dun veciño e a Policía Local foi alí e levantou informe. Non ten licenza para actividade, polo que se abriu expediente de disciplina urbanística", explica o concelleiro de urbanismo, Xaquín Moreda.

O Goberno de Miguel Anxo Fernández Lores, contrario á presenza de Ence en Lourizán, "desexa que o Liceo Mutante regularice a súa situación" ao valorar a actividade que desenvolve para a cidade, mais foxe da cuestión de se a marcha da planta provocará que os terreos se revaloricen e a zona se 'xentrifique'.

"Depende. Hai algunha unidade de actuación, pero aqueles terreos están cualificados no plan xeral, que di o que se pode facer e o que non", sinala Moreda. "Se o Liceo pide licenza, poden convivir todas as actividades, se son respectuosas coa residencial", engade.

Pola súa banda, a asociación non descarta solicitar eses permisos, pero argumenta que se lle esixirían requisitos que non corresponden "exactamente" á súa actividade, que "non é lucrativa nin permanente".

A orixe do conflito

A persoa denunciante que levou ao cesamento da actividade do Liceo Mutante, unha vez superadas outras denuncias no pasado e até unha pandemia como a da Covid, quéixase do ruído, segundo apuntan tanto as responsábeis da asociación como o propio edil de urbanismo.

Ese ruído debeuse a concertos que este verán se trasladaron ao patio desde o interior do local debido á situación sanitaria. E "non é un veciño", afirma Sara Pena, "senón un construtor" que acaba de adquirir dúas parcelas separadas do centro cultural unicamente por outro terreo.

A dona das instalacións do Liceo tamén é unha construtora, que exerceu como arrendadora durante todo este tempo. "En calquera momento quererá construír. Agora mesmo non pode levantar un edificio pero sabemos que hai en marcha un proceso e que ten a esperanza de poder facelo", comenta a socia do Liceo.

Así as cousas, as impulsores deste proxecto lamentan que se estean dando "movementos sen toda a publicidade que debería" haber e con "empresas" que "roldan os veciños".

O Liceo resiste

O primeiro de decembro, o Liceo Mutante lanzou unha mensaxe a través das redes sociais baixo a lema 'O Liceo Mutante resiste' que impulsou unha vaga de solidariedade dentro e fóra da Galiza.

Asociacións locais como o Cineclube de Pontevedra, que ten previsto proxectar o documental 'Mutantes' o próximo día 21, e a Asociación Pola Defensa dá Ría reaccionaron á noticia do cesamento reclamando ao Concello que "explore formas de viabilidade" para este centro social "emblemático", ao tempo que piden investigar "a existencia de comportamentos urbanísticos especulativos no barrio de Mollabao" co fin de neutralizalos.

A "intuición" leva ás responsábeis do Liceo a temer que a "cada vez máis próxima marcha de Ence da ría de Pontevedra converta a liña de costa até Marín nun ansiado obxecto de desexo para novos especuladores". Por iso valoran "máis accións e alternativas" e estudan "como facer para seguir na cultura autoxestionada".

Comentarios