A Xunta homenaxea Rosalía coa escritora Marta Rivera, belixerante contra o galego

A Xunta vai homenaxear a Rosalía no Día Internacional da Muller coa intervención dunha única persoa do mundo das letras, a escritora Marta Rivera de la Cruz, autora dunha obra íntegra en español, belixerante contra a normalización do galego e colaboradora de Galicia Bilingüe.
Marta Rivera
photo_camera Marta Rivera


Como defensora dos dereitos das mulleres, a Xunta de Galiza a través da súa secretaria xeral de Igualdade decidiu conmemorar este día 8 de marzo cun acto institucional de homenaxe a Rosalía de Castro, cando se fan 150 anos da publicación de Cantares Gallegos. Con este motivo, o departamento dirixido por Susana López Abella convidou unha única representante do mundo das letra, a escritora Marta Rivera de la Cruz, coñecida, alén de pola súa obra escrita integramente en español, polas súas opinións belixerantes contra o proceso de normalización do galego.

Nacionalistas no dique seco

Marta Rivera mostrou con claridade en diversas ocasións a súa oposición á normalización lingüística do galego, facendo por veces brincadeira de quen defendía os nosos dereitos lingüísticos. No seu proprio blogue, no ano 2010, escribía, en español, despois das multitudinarias manifestacións en defensa do galego no ensino: “Galicia é bilingüe e, tendo durante tres anos aos nacionalistas no dique seco, a cousa volverá polos seus foros. Cada un falará como lle dé a gana, e a outra cousa. O que tiña que facer Feijóo xa o fixo: pechar a billa. Cortar o suministro das xenerosas subvencións. As viaxes pagadas e as axudas aos castelanófobos. Feito isto, que berren cando queiran, que convoquen manis e que faciliten as cousas para que os estudantes teñan máis dias de asueto. Para o que lles vai servir!”.

Marta Rivera asinou o Manifesto por la Lengua Común e mostrou o seu apoio en diversos momentos de maneira pública a Galicia Bilingüe. Nada en Lugo, Rivera expresou en diversas ocasións as súas opinións contraria á normalización do galego e, do seu ideario dá boa conta nunha entrevista no dixital “Lavozlibre” no que denunciaba a persecución na Galiza de quen falaba español. “Cando nun país civilizado hai que baixar a voz para usar un idioma, e máis un idioma oficial, témome que non hai esaxeración posíbel”, dicía, despois de contar que nun colexio unha mestra baixou o ton para falar con ela en español porque, segundo comentaba a escritora, no colexio, o director só permitía falar en galego.

"Intentaron eliminar o castelán"

“Na Galiza, o problema é que durante a anterior lexislatura se intentou eliminar o castelán da vida pública, un dos dous idiomas oficiais”, afirmaba, a respecto do goberno bipartito. “Se a política lingüística aplicada ao ensino non cambiar radicalmente, haberá moitos estudantes que só saberán manexar o castelán a nivel oral. Iso de que hai que ensinar en galego porque o castelán se aprende vendo a tele é unha irresponsabilidade absoluta”, engadía a escritora no seu argumentario que tiña como eixo central a persecución do castelán e a imposición do galego. Referíase tamén á xestión do BNG na Consellaría de Cultura para dicir que “quen non empregaba o galego, simplemente non existía”. En distintas ocasións, Rivera denunciara que estaba a ser "vetada" polas súas ideas arredor da lingua galega. 

A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella destacou o traballo a favor da cultura galega que desenvolveu Rosalía de Castro, ademais da súa defensa dos dereitos das mulleres nun acto no que anunciou tamén que a Xunta volverá a empregar o mesmo lema que o pasado ano, “Sen mulleres, non hai Galicia”.

Comentarios