A SGAE somete a votación a continuidade de Reixa como presidente

Da reunión da xunta directiva da Sociedade Xeral de Autores e Editores (SGAE) sairá hoxe a permanencia ou destitución de Antón Reixa da súa presidencia. Pouco máis dun ano á fronte dunha entidade salpicada polos escándalos, entre eles, a destitución de Fasero seis meses despois de ser nomeado responsábel da zona noroeste. 

Antón Reixa
photo_camera Antón Reixa

A xunta directiva da Sociedade Xeral de Autores e Editores (SGAE) decide hoxe se Antón Reixa continúa á fronte da entidade ou se, pola contra, o músico, poeta e produtor audiovisual é destituído despois de pouco máis dun ano á fronte da entidade. Tempo este no que a xestión de Antón Reixa foi posta en tea de xuízo en diversas ocasións nunha SGAE na que non pararon as turbulencias desde os escándalos feitos públicos xa no tempo de Teddy Bautista. 

Á xuntanza de hoxe os distintos sectores da SGAE chegan cos coitelos en alto, en especial, desde a Asociación de compositores e Autores de Música (ACAM) desde a que se pediu o cese de Reixa abertamente e o nomeamento dun presidente do coñecido como Colexio de Pequeno Dereito, agrupación que reúne a compositores e letristas e grupo maioritario na xunta directiva. A ACAM emitiu un comunicado na véspera da xuntanza sinalando que o equipo presidido por Reixa podería “ter levado á entidade a unha futura quebra técnica financieira”.  Acusan tamén a Reixa de ceder aos intereses das grandes produtoras. A SGAE enfróntase tamén a un conflito laboral. 

O entorno de Reixa tamén se moveu diante das duras acusacións e á xuntanza de hoxe chega respaldado por unha carta asinada por 183 membros, con nomes coñecidos do mundo da creación artística como Luís Tosar, Xoel López, Isabel Coixet, Marta Sánchez, Ariel Roth, Raimundo Amador, Alejandro Sanz, Rosario Flores, Moncho Alpuente ou Antonio Carmona. Piden, desde o grupo de persoas asinantes, que cesen os ataques que conducen, na súa opinión, a que a entidade centre as súas enerxías en apagar lumes e non nos seus verdadeiros obxectivos. 

Co caso Fasero

O futuro de Reixa entra no debate xa no primeiro punto da orde do día da xuntanza desta terza feira, unha vez que 28 dos 39 membros da directiva demandaron a convocatoria para tratar o estado da entidade. 

O canon polo pagamento de música en programas televisivos é un dos puntos de conflito do último ano. A Reixa nacéronlle, porén, máis problemas na súa xestión como as denuncias verquidas polo ex-responsábel da coñecida como zona noroeste Xoán Carlos Fasero que o acusou da súa destitución ao se coñecer que a produtora de Reixa tiña cobrado importantes cantidades da AGADIC cando Fasero estaba a súa fronte. 

No mes de abril, Fasero foi unha das causas da máis forte crise de Reixa na SGAE ao se facer público que o seu nomeamento se producira despois de que a produtora Filmanova recibira da AGADIC 142.665 euros para o musical "Galicia Caníval". Reixa tivo entón que responder diante da xunta directiva da SGAE polo nomeamento de Fasero, que sería destituído pouco despois.  

Un mes despois do seu cesamento, Xoán Carlos Fasero acusou a Antón Reixa con dureza a través do seu blog de ser ter aproveitado da SGAE e defendeu que era el o que tería que estar fora da presidencia da entidade.  Fasero sinalaba hai tan só un mes que a subvención era a “gota que colma o vaso” na xestión de Reixa  diante da SGAE, “posta en dúbida en numerosas ocasións, debido ao seu enfrontamento coas televisións, a caída na recadación ou a aparición dun novo clan, que substitúe ao canario, e que agora se chama clan galego. Clan, por certo, ao que non pertenzo, dado o carácter do meu despido”, anotaba.

Comentarios