A Xunta blinda a homenaxe a Vidal Bolaño

Policía ás dúas beiras da Rúa Nova na que se celebraba a homenaxe da Xunta a Roberto Vidal Bolaño. Un grupo da Plataforma das Artes  Escénicas ao que se lle sumou unha protesta de afectados das preferentes topáronse cun desmedido control policial. Actrices e actores levaban nariz vermello en homenaxe ao seu compañeiro Vidal Bolaño. 

Mabel Ribera con outros actores e actrices defendendo o dereito á protesta
photo_camera Mabel Ribera con outros actores e actrices defendendo o dereito á protesta

No inicio, por volta dun bocado antes de que o acto institucional comezara un grupo de coñecidos actores e actrices con narices vermellos en homenaxe ao seu compañeiro Vidal Bolaño reclamaban dignidade para a profesión diante dun control policial que respondía á numerosa presenza institucional. 

O presidente Aberto Núñez Feijóo entrou en último lugar, mais no interior estaban xa varios conselleiros, o de Cultura Xesús Vázquez entre eles, o vicepresidente Rueda ou o alcalde de Santiago ou o presidente da Academia, Xesús Alonso Montero. A familia de Roberto Vidal Bolaño agardaba fóra,  ao pé de actores e actrices que os saudaban afectuosamente. 

Desde o primeiro momento, a policía paraba e pedía o convite a quen se detivera máis dun minuto na rúa. O propio Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG e convidado directamente pola famillia, foi reclamado pola policía para ensinar o convite cando se atopaba a cen metros da porta de entrada. “Vou entrar coa familia mais podería estar fóra” explicou Cesáreo Sánchez ao que obtivo como resposta que tiñan orde de que ninguén ficara nas proximidades do teatro. “Se vostede vai vir cos das camisetas imos ter que botalos a todos. Son as ordes que temos” dixo entón o policía. 

Con momentos de  tensión, actores e actrices negáronse a abandonar o soportal da rúa na que se atopaban. “Defendemos o noso traballo. Non me vou mover de aquí” berrou nun momento Cándido Pazó, un dos presentes canda outros como Mabel Ribera que non dubidaron en explicar a situación, que eran compañeiros de profesión do homenaxeado e reclamaban futuro para o teatro. A Plataforma das Artes Escénicas dediciu convocar a concentración diante do teatro sabedores de que aí se toparían cos cargos institucionais de cultura, os mesmos que até agora non deron resposta algunhas as súas reclamacións. 

O goberno do PP topouse máis unha vez coas vítimas das preferentes. Se a véspera en Vigo Feijóo non asistira á inauguración da exposición de Rosalía de Castro como estaba previsto pola presenza dos preferentistas que lograron colarse no acto, desta volta agardárona na porta, con camisolas lilas e cartaces nos que, máis unha vez, daban conta do grande timo do que responsabilizan ao goberno. Atronador o ruido de chifros e trompetas que abofé retumbaba nas pedras e ten, con seguranza, que ecoar no interior do acto institucional. "Contra a mentira, a cultura" foi o berro coreado unanimente polas persoas manifestantes. "Non pararemos, até que cobremos" foi outro dos lemas empregados. Un preferentista botaba fariña no chan mentras se sentía a lenda: "O Salón está blindado polo amigo de Dorado". 

Dentro, os discursos institucionais do Conselleiro de Cultura, Xesús Vázquez e do presidente, Alberto Núñez Feijóo batían co reivindicativo da viuva de Vidal Bolaño, Belén Quintáns que lamentou que a conmemoración se celebrase nesas condicións e sinalou que os que estaban fóra, defendendo o teatro galego tiñan como os que realmente promoven a memoria do autor teatral. 

Case unha hora despois do comezo do acto, as dúas protestas continuaban diante do Salón Teatro. No fin do acto a placa de homenaxe de Roberto Vidal Bolaño co nariz vermello deseñada por Fausto Isorna aparecía descuberta. Diante das protestas, a organización decidiu destapala clandestinamente. 

Comentarios