A rede soa en GZMúsica

Desde hai case un ano, GZMúsica ofrece na rede unha plataforma para nos achegar á actualidade da nosa música. Axenda, informacións e descargas para estar ao día no que soa.

 
Dani, GZMúsica
photo_camera Dani, GZMúsica

Detrás do portal GZMúsica móvese o crítico Dani Lavesedo xunto cun grupo de persoas que teñen o núcleo de actuación no Morrazo. Dúas no mantenemento da web, dúas na redacción de contidos e outras dúas en foto e video compoñen o voluntario equipo da plataforma que conmemorará o seu primeiro ano na rede o próximo 13 de abril cunha musical festa na Sala Son de Cangas.

Ningunha das persoas que está detrás de GZMúsica forma parte dun grupo musical mais todas viven moi de perto a actualidade do que soa na Galiza. “A idea é que haxa un sitio ao que se remitir calqueira que queira saber o que está a pasar na música, que teña un espazo de referencia” comenta Dani Lavesedo a respecto dos obxectivos que o levaron a botar a andar a web. Desde que están na rede, son os propios grupos quen comezou a remitir información, datas de concertos, vídeos, entrevistas ou mesmo as novas gravacións para seren incorporadas á web.

O proxecto, na súa natureza dixital, evolúe a cada momento e, na actualidade, están a traballar na elaboración dun programa televisivo que será emitido por VíaTV e logo se poderá ver na rede na propia páxina. Comezarase a emitir neste mes de febreiro e tratarase dun magazine con entrevistas, axenda, clips e demais contidos arredor da música galega. “Queremos que todas as músicas estén presentes, pola nosa orixe, estamos máis próximos do folque ou do rodk mais tamén recollemos outros estilos, do jazz ao pop” comenta.

A través de GZMúsica pódeselle medir o pulso do momento polo que atravesa a música galega. Desde este observatorio, Lavesedo valora que a creación “está a pasar un bo momento, con xente con moito nivel e moitos estilos musicais. Hai futuro. Moitos grupos din que están a ver máis xente nos concertos que antes, un público interesado”.Chama a atención arredor da singularidade do momento e de que son precisamente os grupos dos que se pode descargar a súa música de maneira gratuita os que máis éxito teñen nos concertos, o que deixa á vista a situación da industria discográfica. “Grupos como Ruxe-Ruxe ou O Sonoro Maxín enchen os concertos cun público impensábel noutro momento. A calidade é grande mais o problema é a distribución. O beneficios están a vir dos concertos” comenta Dani, que conta con que o tempo vaia facendo máis sólida a súa plataforma que ten como fin servir de canle de comunicación e encontro á música galega.

Cun ano de historia, GZMúsica ve como co tempo se vai incrementando o número de persoas que entran cada día no portal ademais dos grupos e iniciativas que buscan ser recollidas neste portal que conta ofrece tamén "Cartafol", unha base de datos con información da nosa música. 

Comentarios