A RAG pide anulación total do decreto do plurilingüismo no Supremo

Despexada a incógnita. A RAG si leva o decreto do galego ao Supremo. A Academia vai presentar un recurso de casación contra a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, que só estimaba en parte os argumentos da institución. O TSXG anulaba dous artigos do decreto, o que a RAG considera insuficiente. No seu recurso perante o Supremo pide a anulación completa do decreto de plurilingüísmo. A RAG podería, sen embargo, retirar o recurso se a Xunta accede a negociar o decreto e comprometerse nun cambio de rumo nesta materia. A decisión de presentar o recurso foi tomada pola unanimidade das persoas que compoñen o plenario.
Xosé Luís Méndez Ferrín
photo_camera Xosé Luís Méndez Ferrín

Dous días despois do que a propia Academia anunciou como o último acto público de Xosé Luís como presidente da RAG, despois de que anunciara mediante un correo electrónico o día 25 de febreiro a súa demisión, o escritor vén de oferecer esta mesma mañá unha rolda de imprensa. Nela acaba de anunciar que a institución presentará no Tribunal Supremo un recurso de casación contra a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza sobre o decreto de plurilingüísmo. A RAG pide a anulación total do decreto."O bo para o noso idioma, o bo para Galiza é a anulación total" dixo Ferrín, que chamou ao texto o "decreto da discordia". A decisión de presentar o recurso foi tomada por unanimidade do plenario. 

A Academia convocou a rolda de prensa apenas dous días antes de que teña lugar o pleno no que se tratará o tema da demisión de Xosé Luís Méndez Ferrín como presidente da RAG. Os tres actos, sen embargo, non son feitos aillados. O secretario da Academia, Xosé Luís Axeitos, relacionounos no propio día no que se deu a coñecer o contido da carta de demisión enviada por Ferrín a todas as persoas que forman parte do plenario así como académicos e académicas correspondentes. Nunha entrevista en La Voz de Galicia, Axeitos acusaba ao Consello da Cultura Galega e o Instituto da Lingua Galega de estar a "colonizar" a Academia alén de denunciar presións para que a institución non apresentara o recurso diante do Supremo. Días despois, tanto o CCG, presidido polo tamén académico Ramón Villares, así como o ILG, dirixido até hai días pola tamén académica Rosario Álvarez, apuráronse a rexeitar as acusacións de Axeitos e confirmar a súa oposición ao decreto do plurilingüísmo, remitíndose a textos e informes asinados por ambas entidades. 

A denuncia de Axeitos creou un novo foco de atención arredor do conflito que reventara no anterior pleno, cando un grupo de académicos esixiron da directiva as contas de gastos dos orzamentos así como explicacións da política de contratación da institución, unha vez se fixera público que diversos membros da executiva tiñan empregado na institución a familiares directos. A situación saldouse coa presentación da demisión de Ferrín e un conflito na propia institución que, mália diversas intervencións que avogaban polo consenso no grupo dos 27 que compoñen o plenario neste momento semella non calmar. 

A expectación é agora aínda maior polo que acontecerá o próximo mércores, data fixada para a aceptación por parte do plenario da demisión de Ferrín. Na xuntanza, alén dese tema central, queda sobre a mesa a petición de aclaración de contas que se acarrea desde o pasado pleno máis a aclaración das distintas posturas arredor da presentación por parte da Academia do recurso no Supremo. 

Comentarios