A obra de Vidal Bolaño volve aos escenarios

O día 5 de abril o Centro Dramático Galego estrea en Compostela Días sen gloria, coa dirección de Fefa Noia. A poucos quilómetros, en Teo, a Ultranoite do Aquí conmemorará ao “compañeiro de escenarios e nocturnidade”. Compañías vencelladas ao autor preparan tamén as súas montaxes. A obra de Roberto Vidal Bolaño volve á escena. 

Roberto Vidal Bolaño (Foto: Quique Alvarellos)
photo_camera Roberto Vidal Bolaño

Con Fefa Noia como directora, Días sen gloria regresa aos escenarios o día 5 de abril no Salón Teatro de Compostela. A nova produción do CDG contará con Manuel Manquiña, no personaxe de El, e Eva Souto como Ela para lle dar vida aos protagonistas da obra coa que Roberto Vidal Bolaño acadara o Premio Rafael Dieste en 1992. O relato no que se reconstrúe unha historia de amor co Camiño de Santiago como paisaxe completa o elenco con Felisa Segade, Borja Fernández e Sergio Zearreta. O fillo do autor homenaxeado no Día das Letras Galegas, Roi Vidal, encárgase da asistencia á dirección. 

Nesa mesma noite, en Teo, a Ultranoite do Aquí daralle un ton diferente á homenaxe a Vidal Bolaño. Temas de actualidade desta volta cunha “mirada Bolañana” coa que a compañía Chévere se suma á conmemoración do compañeiro do teatro os días 5, 6 e 13 en Teo, o 19 e 20 na Coruña e o 26 e 27 en Pontevedra. 

A reaparición das súas compañías

Dúas compañías fundadas por Roberto Vidal Bolaño volven aos escenarios -en coprodución co CDG- con obras súas e equipos vencellados persoalmente cun autor que está na orixe do teatro profesional e dinamizou o ámbito dramático durante décadas. Teatro do Aquí -a última compañía que Roberto Vidal creara con Belén Quintáns- estreará o 19 de abril en Narón Criaturas con dirección escénica de Evarisco Calvo e un elenco no que participan Belén Constela e Xoán Carlos Mejuto -que xa estiveran na montaxe de 1999- mais Marcos Orsi e Vicente de Sousa. Será pouco despois cando Teatro Antroido leve a escena BailadELAs o 12 de maio na Coruña. Vidal Bolaño fundara a compañia en 1978 canda Laura Ponte que participa na produción dirixida por Roi Vidal, fillo de ambos. 

Tamén a compañía Espello Cóncavo regresa con Anxeliños baixo a dirección de Arturo Löpez e cun cadro de persoal composto por Fernando Morán, Rodrigo Roel, Estíbaliz Veiga, Manu Fernández Isabel Risco e Luzbel Pardavila. A compañía dirixida por Arturo López volve cunha obra que producira hai seis anos e que fixera xirar de novo polos escenarios galegos a obra do autor que nestes meses ocupará boa parte das próximas estreas teatrais. Teatro do Noroeste de Eduardo Alonso e Luma Gómez recuperará a peza infantil Touporroutou da lúa e do sol, mentres as aulas de teatro universitarias tamén preparan as súas homenaxes sobre o escenario a Roberto Vidal. 

Comentarios