A nosa literatura volve ao Congreso Galeusca

Máis un ano, a Asociación de escritoras e escritores en lingua galega estará presente na xuntanza en que autor@s de Galiza, Catalunya e Euskal Herría debaten arredor dun tema previamente proposto, que desta volta será a oralidade, aqueles textos escritos para seren lidos

Un ano máis, a Asociación de escritoras e escritores en lingua galega estará presente no congreso Galeusca, que se celebra desde hai 29 anos e que reúne representantes da literatura galega, vasca e catalá para debateren, desta volta sobre Oralidade. O que se escribe para dicir.

Após exercer de anfitrioa en 2010, cando a xuntanza se celebrou na Coruña e a xuntanza xirou ao redor da 'viaxe de futuro' que supón a literatura escrita nas linguas propias dos tres territorios, a AELG viaxou a Catalunya en 2011 para facer parte dunha discusión sobre tradución literaria convidada pola Associació d'Escriptors en Llengua Catalana.

Agora o encontro organizouse en Euskal Herria a cargo da Euskal Idazleen Elkartea, coa oralidade como cuestión central das sesións de traballo. Así, o que se propón é "unha reflexión desde o punto de vista do escritor, analizando as características dos textos que se crean para seren lidos e interpretados", apunta o colectivo de autor@s galeg@s en relación a guións de cinema, obras de teatro, poemas, contacontos e mesmo novas para locutar nos medios de comunicación.

Para alén do presidente da AELG, Cesáreo Sánchez, e da secretaria xeral, Mercedes Queixas, na xuntanza tomarán a palabra tamén Antonio Reigosa, que falará sobre a oralidade nos textos literarios; Vanesa Sotelo, que fará parte da mesa sobre guións de teatro e cine; e Xurxo Souto, que presentará o traballo Xeografía xeral no mar de Galiza no marco dun relatorio sobre oralidade nos medios de comunicación.

Comentarios