Mostra de Teatro de Cangas

A MITCFC Amadora

Durante a tarde da segunda feira, 1 de xullo, representáronse varios espectáculos de compañías non profesionais de teatro de toda Galiza.
Representación de 'Selva', de LuzAzul.
photo_camera Representación de 'Selva', de LuzAzul.

Como xa é habitual, a Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas (MITCFC) reserva cada ano na súa programación un espazo para o teatro afeccionado. Nesta edición, a ‘MITCFC Amadora’ estivo concentrada no día 1 de xullo. Durante a tarde dese día  representáronse varios espectáculos de compañías non profesionais de teatro de toda Galiza. Furafollas Teatro, a Federación Galega de Teatro Afeccionado (FEGATEA), LuzAzul e a Escola de Teatro de Cangas foron os protagonistas.

As actuacións arrincaron nun dos espazos de rúa co espectáculo La blanca Nieves, da agrupación de teatro afeccionado Furafollas, inmersa no centro de rehabilitación psicosocial e laboral da Asociación Doa Saúde Mental, en Cangas. Coa súa actividade, ademais de divertir o público, pretende dar visibilidade ao colectivo de persoas con enfermidade mental severa e contribuír á eliminación do estigma. O espectáculo traballa na liña de mesturar dous contos clásicos: Blancanieves e Cenicienta. Nieves, filla albina nunha familia proletaria negra, é escrava das súas irmás que a única motivación que teñen na súas vidas é divertirse.

'La blanca Nieves', de Furafollas.
'La blanca Nieves', de Furafollas.

Posteriormente representáronse, no mesmo lugar, tres pezas de microteatro con diversos contidos e estilos teatrais para amosar o traballo realizado polos grupos da Fegatea, composta na actualidade por 57 agrupacións teatrais representativas das catro provincias galegas. Esta federación constitúe hoxe en día a maior estrutura teatral organizada.

Outro dos espectáculos que se puideron ver, neste caso na Sala de Exposicións do Auditorio municipal, foi a estrea de Selva, do colectivo LuzAzul, un grupo de diversidade funcional apoiado polo concello de Cangas. Arredor de 15 persoas, de entre 18 e 60 anos, representaron unha mostra do traballo realizado durante todo o ano. Maite Campos, pedagoga de Educación Especial especializada en técnicas creativas, coordina, xunto con Alberto Casqueiro, o colectivo LuzAzul. Sobre o espectáculo, destaca que se trata dun traballo "grupal froito da investigación que xuntos facemos".

'Animaliños', de Roberto Vidal Bolaño, pola Escola de Teatro de Cangas.
'Animaliños', de Roberto Vidal Bolaño, pola Escola de Teatro de Cangas.

Esta ano a idea naceu do libro O libro da selva, pero dándolle unha volta á narración e reflexionando sobre como é a vida na xungla de asfalto, en referencia ás cidades. A proposta que traballan “tenos que gustar a todos”, explica Maite Campos, recalcando que se ten moito respecto polas opinións dos membros do colectivo. Pero nesta aventura, non están sós. Por fortuna, contan coa colaboración, por exemplo, do IES Monte Carrasco, onde gravaron algunhas das voces da obra. Ou do Xosel Díaz e Helena Varela, do colectivo multidisciplinar de artistas Cinema Sticado, que colaboran na proxección das imaxes.

"Traballamos desde as capacidades sen esquecernos dos límites", asegura a coordinadora de LuzAzul. Aclara que é fundamental potenciar ao máximo as capacidades de cada persoa. "Eu estou desde fóra. Son como o seu espello. Propoño a investigación, pero o camiño xa o buscan eles", engade. Durante todo o curso, o colectivo reuniuse dúas horas semanais na mesma Sala de Exposición do Auditorio na que representaron o espectáculo. Despois da estrealo na Mostra levarase por espazos alternativos, como centros de maiores, institutos e colexios.

Como a propia coordinadora destaca, estes actores e actrices amadores "non teñen nervios, só se senten moi emocionados". Maite destaca que están felices "porque é un regalo que fan; non son actores e actrices, senón que utilizan a ferramenta do teatro para pasalo ben e dar visibilidade ao que fan".

A MITCFC Amadora finalizou coa representación, no vestíbulo do Auditorio, dunha pequena mostra do traballo realizado durante o ano no curso de Formación Teatral da Escola de Teatro de Cangas. A peza, titulada Funámbulos e duns 10 minutos de duración, está inspirada nun texto do libro El funambulista, do novelista e dramaturgo francés Jean Genet (París, 1910-1986).

Máis en CULTURA
Comentarios