A letra da literatura

Lémoslle os libros, mais descoñeciamos a súa letra. O crítico Ramón Nicolás ofrece no seu blogue “Cadernos da crítica” a posibilidade de coñecer a letra de quen escribe a nosa literatura. Son os “Manuscritos”.
Manuscrito de Uxío Novoneyra
photo_camera Manuscrito de Uxío Novoneyra

Ao pegar nun libro, unha novela, ou un poemario, case xa non evocamos a xénese, o instante no que o autor ou autora escribiu as primeiras palabras. A man, a maior parte das veces. A ese momento remítese o crítico Ramón Nicolás que botou a andar hai un ano a sección “Manuscritos” e agora conta cun singular arquivo que nos ofrece as letras de quen escribe a través da rede, un mundo que, en certa medida, contribuíu á perda de vista da caligrafía. 

A sección de “Caderno da crítica” é singular na súa definición e única no noso ámbito. Trátase dun arquivo dixital cada vez maior que nos mostra a caligrafía dos nomes da literatura, achéganos ao seu cuarto de escrita, aos papeis nos que bosquexan as súas obras ou mesmo escriben o que logo sairá impreso. Conviven documentos de autores que xa non están cos cadernos de libros recén publicados ou mesmo coas probas de imprenta corrixidas de quen xa non escribe a man máis que anotacións a pé de páxina.


“Aprécianse distintas sensibilidades. Hai autores que seguen mimando a letra e outros que abandonaron xa a escrita a man. De todas maneiras, sorprendeume a cantidade de autores novos que seguen a escribir en cadernos” comenta Ramón Nicolás, e abonda dar unha volta pola sección para atopar moleskines agarimadas das que saen relatos e novelas. Dos cadernos de Riveiro Coello, María do Cebreiro Rábade, Fina Casalderrey ou Elizabet Espinosa aos folios impresos saídos do computador corrixidos a man por Jaureguizar.

As imaxes son abondo evocadoras. Aí está a letra feita a man nas fotografías tiradas para que a letra saia na pantalla, de maneira ben distinta á arial ou times que o procesador ofrece. “Certamente hai algo inquedante ver a letra manual escrita na pantalla. Trátase, en certa medida, dunha faceta máis íntima e humana de quen escribe” explica Ramón Nicolás, que engade á imaxe do manuscrito un texto arredor da escrita e os hábitos á hora de crear, ás veces con confesións da persoa protagonista. “As miñas rutinas de escrita son homologables ás de calquera outra actividade. Escribo decotío, a maiores do xornalismo, literatura. Empezo sempre na mañanciña escura despois de prender o Spotify” lese na entrada dedicada a Jaureguizar.

Ramón Nicolás convidou un bo número de autores e autoras a participar no proxecto. A resposta foi xenerosa e cada vez recibe máis mostras dese primeiro encontro coa creación, antes de pasar o proceso editorial que leva os textos aos futuros lectores. Na súa calidade de crítico e investigador a iniciativa permítelle xogos. Comprobar, por exemplo, as semellanzas entre a xénese e o que logo sae impreso en libro. Atopou, pon por caso, algúns parágrafos dos cadernos de María López ou María Reimóndez que foron publicados sen modificacións nos seus libros impresos.

Poemas a man

Canda a nova xeración da nosa literatura, Ramón Nicolás vai introducindo no seu arquivo dixital exemplos de manuscritos de autores que son xa clásico. As páxinas de Uxío Novoneyra, son un exemplo. Un poeta, por outra parte para quen a escrita a man toma parte do feito literario nos seus poemas caligráficos.

Comproba Ramón Nicolás que a poesía séguese escribindo máis a man e, mália o computador entrar con forza na construción literaria, os bocexos, os primeiros debuxos do que será unha obra nova, continúan a facerse en boa parte con bolígrafo ou pluma. Cos comentarios recibidos achega información sobre o proceso de creación, a elaboración mecánica e imaxinativa das obras. Tamén, nalgúns casos, do mesmo tránsito que supuxo a aparición dos computadores na creación literaria, e mesmo, como na explicación de Xavier Alcalá, o paso intermedio pola máquina de escribir, esa xa grande esquecida.

Comentarios