A Deputación de Lugo rescata 'O libro dos nenos' de Antía Cal

A enciclopedia secreta

Na longa noite de pedra había candeas acesas. Pequenos puntos de luz que resistían a escuridade. Contra a historia oficial, construían un país. Unha das luces máis intensas prendeuna a pedagoga Antía Cal, cuxa enciclopedia infantil O libros dos nenos, inédita nos 50, rescata agora a Deputación de Lugo.
 

ilustración antía cal
photo_camera Ilustración de Mauro Trastoy para a cuberta de 'O libro dos nenos'.

A orixe do fermoso volume atópase na relación de Cal co seu fillo Hixinio. Así o lembra a autora nun breve proemio en terceira persoa. “Cando xa era de merecer, achegóuselle un guapo mozo, que se chamaba Antón Beiras e dalí a a poucos anos casaron”, escribe, “el era médico-coulista e a ela gustáballe moito a xeografía. Tiveron un filliño preguntón, que tamén gustaba de saber”.

presentación libros dos nenos

Das continuas interrogantes que asaltaban Hixinio Beiras Cal e ás que respondía a nai xurdiu o libro. A escusa? Optar ao premio de “mellor libro galego para os nenos e nenas” do Lar Galego de Caracas. “Meu dito, meu feito, escribiuse o libro, mandouse a Caracas, levou o premio, fixemos moita festa, gardamos o libro nun niño, foise esquecendo, pasaron moitos anos”. Até hoxe.

A edición da Deputación de Lugo conta con deseño e ilustracións de Mauro Trastoy. Polo camiño quedou o proxecto inicial, coñecido por unha carta do 3 de abril de 1959: Luís Seoane íase encargar de completar graficamente O libros dos nenos. “O comezo ademais dunha literatura infantil en idioma galego que resolva moitas necesidades de Galiza”, expuña Seoane a Cal -en castelán. Non chegou a concretarse.

A obra de Antía Cal (A Habana, 1923) -case 400 páxinas na edición do ente provincial- divídese en catro partes: Formación do mundo, Xeografía descriptiva, Galiza e Sobre da hixiene. “Pretendeuse sobor todo facer un libro de leitura agardable e distraída i en certo modo de soaz para o rapaz”, aclara nun prólogo dirixido “aos mestres e pais dos nenos”, “por tanto, todo o que non atraia espontáneamente a atención dil é culpa do autor e será pouco práitico e contrario â pedagoxía, o tratar de facerlle aprender capíduos ou párrafos enteiros de memoria”.

Na densidade hermética da ditadura, Antía Cal pelexaba por unha pedagoxía moderna, despagada do autoritarismo, aberta ao mundo e centrada en Galiza. A Escola Rosalía de Castro, que fundaría no Vigo de 1961 e ondes a aulas se chamaban Bertrand Russell ou Alexandre Bóveda, foi a máis acabada daquelas tentativas. No prólogo citado, explicaba xustamente a relación entre o particular e o universal: “Historia Universal e a galega, tratadas éstas duas a un mesmo tempo, pra que ansi o rapaz poida facer a comparanza e seipa situar os feitos galegos en relazón âs épocas evolutivas da Humanidade”.

O libro dos nenos remata cun colofón en que a escritora resume os seus obxectivos. “O que interesa sobre todo é que ti colleras apego aos teus semellantes, e adeprendas a respetar aos homes, aos animás e âs prantas como a ti mesmo. Eu sentiríame felice de sabelo”. E cita ao Castelao que, dúas décedas atrás, prognosticara unha Galiza “como unha soia cibdade, a cibdade xardín mais fermosa do mundo, a cibdade ideal para os homes que queiran vivir a carón da Natureza”.

Nota imaxe da presentación de 'O libros dos nenos' no Centro de Artesanía e Deseño da Deputación de Lugo. De esquerda a dereita, a escritora Marica Campo, Antía Cal, a delegada de cultura Pilar García Porto a inspectora de educación Branca Nazaré Guerreiro.

Comentarios