Unha noite para se "implicar" en Compostela

Cada ano, por volta destas datas, en Compostela persoas de distintos ámbitos da cultura “implícanse” nunha noite de literatura, danza, teatro e música que convoca Implicadas no desenvolvemento. Hoxe no Teatro Principal, Yolanda Castaño e Luís Tosar conducirán a cita solidaria anual da cultura galega.
Implícate
photo_camera Implícate

Budiño, Sés e Xoán Curiel porán música á XIII edición do Implícate!, o encontro cultural que cada ano convoca Implicadas no Desenvolvemento en Compostela. Canda el@s, a danza de Quique Peón e o teatro de Roberto Vilar, Rubén Ríos e Estíbaliz Veiga forman parte dun cartaz en que a literatura ten tamén o seu espazo nas voces de Carlos Negro, María Canosa, Eva Veiga e Anxo Angueira. A poeta Yolanda Castaño e o actor e músico Luis Tosar, son dúas das caras máis coñecidas do noso panorama cultural que repiten un ano máis á fronte desta “noite de música e palabra solidaria”.

“Cambia de papel” é a lenda que nesta edición titula o encontro, de igual maneira que a campaña que desde hai tempo desenvolven en Implicadas. “Cambia de papel porque buscamos un compromiso máis activo e participativo. O obxectivo é visibilizar o papel que a cooperación ten e chamar á solidariedade, convidar a ver o mundo con outros ollos” explica María Reimóndez, á fronte da organización de cooperación que está a levar dous proxectos de desenvolvemento na India.

Cando Implicadas botou a andar o “Implícate!” o obxectivo era visibilizar tanto o traballo feito como a necesidade de intervir a través da cooperación solidaria en diversas áreas de maneira especialmente urxente. A cultura presentábase así como un excepcional medio de promoción de ideas, de altofalante de obxectivos e de escaparate para a visualización do labor da cooperación internacional ademais de sumar máis persoas ao traballo voluntario en Implicadas.

Cando Implicadas botou a andar o “Implícate!” o obxectivo era visibilizar tanto o traballo feito como a necesidade de intervir a través da cooperación solidaria

Durante estes oito anos pasaron polo Implícate boa parte dos nomes máis prestixiosos da música, o teatro ou a literatura galega, cun cartaz que cada ano se amplía e ofrece un espectáculo conxunto e colectivo que se converteu xa en cita anual no calendario.

O traballo voluntario e colaborativo preside a organización da noite desde o inicio até o remate. Non só a equipa artística e de xestión contribúe de maneira desinteresada, senón que tamén se procurou recadar os 2.500 euros que se precisaban para a organización a través de doazóns polo sistema de crowdfunding, co fin de completar a achega de empresas, organizacións, institucións ou voluntariado en xeral. As doazóns tiñan como recompensa as axendas da organización, entradas ou mesmo a mención en calidade de patrocinio na memoria anual de Implicadas. “Nun tempo como este en que as axudas públicas á cooperación desaparecen ou quedan considerabelmente reducidas, o contributo cidadán comprometido faise especialmente relevante para continuar o traballo que levamos anos realizando”, comenta Reimóndez.

Pre-estrea de “cambia de papel”

Alén do cartel artístico anunciado, a edición deste ano contará coa pre-estrea de varios fragmentos de “Cambia de Papel” o documental dirixido por Luís Tosar, María Reimóndez e Kutti Revati que está a rematar de montar Jorge Coira. Trátase de doce historias de vida de mulleres de Támil que narran a través dunha carta a súa propia biografía, ás veces con episodios de singular dureza mais que transmiten sen dó. A forza do relato en primeira persoa móstrase coa serenidade da vida cotiá e coa enerxía de quen posúe a forza para “cambiar de papel”.

O traballo voluntario e colaborativo preside a organización da noite desde o inicio até o remate.

O “Implícate!” non é a única iniciativa cultural da organización que ten na escritora María Reimóndez o seu rostro máis público. Dúas colectáneas de poesía dan mostra do encontro solidario entre as voces galegas e as de autoras támiles e etíopes, territorios en que a entidade desenvolveu proxectos de cooperación con mulleres. En Vanakkam/Benvidas, recóllense poemas de autoras támiles como Andal, Kutti Revathi, Malathi Maithri, Salma e Sukirtharani, xunto coas galegas Marilar Aleixandre, Yolanda Castaño, Marta Dacosta, María do Carme Krukenberg, Yolanda López, Chus Pato ou María Reimóndez. Con As que rubimos montañas, xúntanse composicións de autoras etíopes e galegas. Yemoddish Bekele, Mihret Kebede, Antía Otero, Tigist Mitiku, María do Cebreiro, Misrak Tefere, Azeb Yosef, María Lado, Abebech Diriba, Lucía Aldao, Estíbaliz Espinosa, Marga do Val e María Reimóndez, compoñen a nómina do encontro etíope-galego. En ambos os dous casos, as poetas “convidadas” vían por vez primeira e singular os seus versos traducidos á nosa lingua.

Comentarios