A Consellaría de Cultura auséntase da entrega dos premios da AELG

Ningún representante da Consellaría de Cultura e Educación asistiu o sábado á Gala das Letras, o acto central anual da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG). Por vez primeira, o departamento da Xunta responsábel de temas culturais ausentábase da celebración na que, entre outros premios, se recoñecía a Lidia Jorge como Escritora Galega Universal. 

Conselleiro de Cultura
photo_camera Conselleiro de Cultura

O sábado desenvolveuse no centro Ágora da Coruña o acto central anual da Asociación de Escritores en Lingua Galega. Na Gala das Letras, entregáronse os premios en todas as categorías e, entre outras recoñeceuse á narradora Lidia Jorge como Escritora Galega Universal, un nomeamento que tivo moita repercusión nos medios de comunicación portugueses. 

Entre o público asistente, comentouse durante toda a gala a ausencia de representantes da Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria que, por vez primeira na súa historia, non enviou a ninguén á celebración da literatura por parte da asociación representativa de creadores e creadoras galegas. Nin o conselleiro, nin o secretario xeral nin ningún representante participou no acto de entrega no que, sen embargo, houbo unha destacada presenza de cargos políticos. Francisco Caamaño, do PSdeG-PSOE; Francisco Jorquera, Ana Pontón e Carme Adán, do BNG; Martiño Noriega, de Anova; e Yolanda Díaz, de EU, foron algúns dos representantes políticos que asistiron á Gala da Literatura na Ágora. 

Xa na entrega de Premios María Casares da Asociación de Actores e Actrices de Galiza fora criticada a ausencia da Consellaría de Cultura mais daquela, enviaran o novo xerente da AGADIC en representación. Desta volta, o departamento dirixido por Xesús Vázquez deixou baleiro o lugar reservado para a Consellaría de Cultura sen facer que fose ocupado por ningún cargo do seu organigrama, un xesto que algúns escritores e escritoras consideran un “novo desprezo para o mundo da creación galego”. 

Comentarios