A Cidade da Cultura redefínese como parque infantil

Só cando a programación ten como destino á xente miúda a Cidade da Cultura muda o seu aspecto ermo. A Consellaría de Cultura máis a Fundación que xestiona o complexo apostan polo gancho infantil para atraer visitantes e encher un espazo e unha programación adoecida dun proxecto claro.
Actividades de Cidade Imaxinaria
photo_camera Actividades de Cidade Imaxinaria

O gran proxecto impulsado por Manuel Fraga como o complexo cultural que ía situar a Galiza no mapa mundial de referencia nos circuitos artísticos de nivel está a procurar na programación infantil a súa razón de existir. Crianzas e familias ofrecen as únicas imaxes dunha Cidade da Cultura poboada, fronte ao deserto habitual que evidencia o fracaso do modelo da  Cidade da Cultura.

Esta pasada fin de semana, a Cidade da Cultura acolleu un exemplo desa aposta dos xestores do complexo, o Music Way para nen@s. Concertos de Mama Cabra, Brodas e Alondra Bentley encheron de crianzas e familiares a estrutura do monte Gaiás. Mália o complexo de edificacións, a Cidade non é lugar indicado para a programación multitudinaria de eventos e, desta maneira mesmo as actuacións destinadas á cativada estase a empregar un o corredor cuberto existente entre dous edificios, espazo só soportábel en días de pouco vento. Alén dos concertos, karaoke para nen@s, obradoiros de reciclaxe e demáis actividades tiveron os máis pequenos da casa como albo.

Rachar a tendencia de desplome en visitas

Non foi esta a primeira programación para crianzas dos responsábeis da CdC. No que vai de ano xa van unhas cantas, conscientes de que este é un eido que combina dous aspectos do máis gorentoso: Garanten afluencia e o seu custo é relativamente baixo. O feito de ser a gran maioría destas actividades gratuitas e na fin de semana son o mellor aval para dar por seguro que a asistencia vai ser multitudinaria.

De aí que na Cidade da Cultura sexa máis frecuente atopar na súa programación actos como teatro de monicreques para nen@s, actuacións de conxuntos de música para @s máis nov@s ou mesmo concertos de música clásica para crianzas; que outro tipo de exposicións e actos en principio máis acaídos a unha aposta museística que supuxo investimento de millóns e millóns de euros e que ía ser un reclamo a nivel internacional.

En 2011 a CdC recibiu pola volta de 332.000 visitantes. Nos primeiros cinco meses de 2012, esa cifra ronda os 80.000. Apostas tan publicitadas e cun investimento tan alto como as de Gallaecia Petrea semellan non estar a atraer a tanto público como se agardaba dun evento que o propio conselleiro calificaba de "histórico" na súa inauguración, e mesmo afirmando que a cifra de visitas ía ser "unha bomba"

Comentarios