"A chave de todo é o público"

É un furacán tamén fóra das táboas. Isabel Risco (A Coruña, 1975) é sinónimo de vitalidade. Unha enerxía que desprende en cada papel que interpreta ora no audiovisual ora no teatro. Nas últimas semanas, percorreu Galiza con Estás aí?, de Redrum Teatro, e continúa xirando con O Furancho, de Ibuprofeno Teatro –o 26 de xaneiro estarán en Cedeira e do 21 ao 24 de febreiro no Salón Teatro de Compostela–. Acaba de estrear, con Pedro Brandariz e Fran Rei Papar sen cancelas, de Culturactiva, coa que recalará en distintos puntos de Galiza nos próximos meses. “Vén sendo a continuación de Falar sen cancelas, que vai sobre nós, sobre o que é ser galegas e galegos, e tratamos de deixar coa peza un pouso de orgullo”, explica a respeito da nova obra, “quizais sexa máis aceda e recolle unha visión crítica da actualidade do país: as peaxes, a emigración, a situación dos sectores produtivos…”.

A actriz Isabel Risco
photo_camera A actriz Isabel Risco, na súa faceta de activista

-Ías para avogada, como acabas sendo actriz?

-Non sei en que tipo de delirio entrei cando pensei en ser avogada. Hai que partir da base de que, desde hai décadas, entramos nunha dinámica que te leva a ter un título universitario, e iso é un erro. Eu creo que todo o mundo ten capacidades artísticas, pero o problema é que non se deixan desenvolver e iso debería facerse na idade máis temperá, xa na educación infantil ou en primaria. Non creo que sexa unha cuestión de talento porque todo se desenvolve. Desde a infancia, tiven unha tendencia ao exhibicionismo e tamén tiven uns irmáns que eran moi intrépidos e facían falcatruadas e ao final, aos irmáns maiores, tómalos como referentes, non porque sexan homes, senón porque son os que van por diante de ti.

2 (3)Cando tiña que escoller que facer, unha vez rematara o instituto, caín dun terceiro piso e estiven inmobilizada, encamada dous meses. Tiña na cabeza Xornalismo, Ciencias Políticas… e pensei en Dereito, que englobaba moitas cousas. Tamén cine, mais onde o estudabas no país? Do dereito interesábame o penal, o político, a filosofía do Dereito… mais cando cheguei alí pensei “que fago eu aquí?” e canalicei o ter que estar en Dereito co teatro universitario, co rugby, cos CAF… Descobres, estudando Dereito, que esa idea de liberdade e xustiza que tiñas non se cumpre. Algunha vez fun actuar aos centros da Lama e de Teixeiro e alí ves a realidade e non é a que estudabamos, alí comprobas que as penas privativas de liberdade non son reinserción social, fronte ao que nos aprendían.


-Comezas entón a túa carreira como actriz no teatro universitario.

-Empecei no grupo universitario Estragón, que traballaba o teatro do Século de Ouro español –igual que Shakespeare se verte a outras linguas, tamén se pode verter ao galego o teatro do Século de Ouro español–, os entremeses, e empecei facendo un personaxe masculino, Xoán Rana, que era un home eivado, ciumento e avarento, inspirado en personaxes de Commedia dell’arte. Foi unha descuberta, fixen un travestismo, todo o contrario ao que se facía daquela. Antes diso,
fixera unha cousa moi rara co profesor Paco Nodar, con cabezudos, unha crítica moi heavy a Aznar. Eramos todo rapazas. Vendo todo isto con perspectiva, dáme pánico pensar que imos cara a atrás.


-En que sentido?

-Refírome ás mulleres. No teatro aínda hai uns límites que non se sobrepasan, mais no audiovisual non somos alleas ao movemento mundial do #MeToo. Con todo, eu non me asimilo á realidade de Hollywood, sería algo absurdo facelo. Nós temos que vivir a nosa propia realidade. Hai
unha cuestión global, que é a da muller, pero temos que vivila desde a nosa realidade.

[A íntegra desta entrevista aparece no Sermos329, disponíbel na nosa loxa e nos pontos de venda habituais] 

Comentarios