Caderno Coñecer

A casa do Inverno

As aldeas son xa cemiterios só acariñados polo vento e o silencio.
Casa do inverno, no concello do Incio. (Foto: Lois Diéguez)
photo_camera Casa do inverno, no concello do Incio. (Foto: Lois Diéguez)

No seu testamento, ou breve autobiografía, segundo nos conta Cilia Torna no diario Nós (As actas do martirio da “Casa de Inverno”), unha vítima do terror, Aurelia Casas Rodríguez, di que era natural da Eirexalba (O Incio) e filla de Xesús Casas, o home da Casa do Inverno, e de Anuncia Rodríguez, a súa esposa. A casa fora construída no cimo da aldea da Vila. A súa historia comeza co horror xa de nena, despois de que os pais regresan de Cuba, cando o Monteagudo, un monte comunal que dá ao encoro de Vilasouto, do que vivían varias familias pobres, é cerrado na súa mellor parte polo asasino de “Casa Arturo”, un veciño de Eirexalba, que se chufaba de ter matado a máis de 90 persoas e contábeo arreo como unha especie de heroísmo. O roubo do monte trae a revolta inmediata dos veciños encabezados polo Xesús Casas, sen que o asasino faga caso algún.

O desenlace da loita resólvese na guerra civil, en 1936 e anos posteriores, cando o pai de Aurelia é torturado e asasinado polo da “Casa Arturo”, e tirado na foxa común do cemiterio da Pobra do Brollón. Aos poucos días, un tío dela aparece morto e mutilado. A Garda civil acaba asaltando a Casa do Inverno onde o pai de Aurelia agachaba a dous republicanos perseguidos polos fascistas, con bombas lanzadas ao agocho onde se gardaban, morrendo alí queimados. Un dos gardas morre tamén no asalto, e de resultas das feridas producidas, a avoa da Aurelia, Carme Maceda. A nai é levada despois para o cárcere de Lugo, onde falece en 1941, torturada pola dor que lle causa a situación de abandono e miseria en que quedan as súas catro fillas, tan noviñas aínda e que, efectivamente, exercen toda clase de traballos para poder sobrevivir, rematando por emigrar a países de América. Aurelia conta no seu testamento que fai no 2004, os traballos de costureira e cabeleira que exerceu nos Estados Unidos de América.

Sempre que leo unha historia terríbel como esta sinto necesidade de apreixar o espírito das protagonistas. Se non podo velas e falalas porque xa non son, recorro ao escenario, neste caso á Casa do Inverno. Teño que tocala, recoller alí as emocións bravas de quen a gozaron ou a padeceron. Chegar á Vila e dar coa casa non foi doado. As aldeas son xa cemiterios só acariñados polo vento e o silencio. Na Vila só vive xa unha muller, a Carme, falangueira e moi atenta. E levounos á casa, coidada aínda, soa, co seu xardín e panorámica ao Monteagudo e aos azuis do encoro. A Aurelia Casas morreu, coa súa irmá Rosario, maiores xa, no incendio do seu piso da Coruña en novembro de 2008. Mais eu vinas alí, no portón, a sorrir. Iso sentía, ao acariñar as súas pedras tristes.

Comentarios