A Burla regresa dez anos despois do loito da cultura polo Prestige

Dez anos despois de que o Prestige comezara a botar chapapote sobre as nosas costas regresa A Burla, o nome co que se rememora o movemento social e cultural que encheu as rúas de negro e botou a andar moreas de iniciativas para facerlle fronte ao maior atentado ecolóxico da nosa historia. Unha cadea humana, un concerto expansivo e o aniversario do grande velorio e a morte de Man son algunhas das accións, na memoria do que aconteceu hai agora dez anos da man do que entón se chamaba Burla Negra.
Imaxe de Burla Negra nunha manifestación. Foto Andrés Panaro.
photo_camera Imaxe de Burla Negra nunha manifestación. Foto Andrés Panaro.

Detrás da iniciativa están “activistas” do que foi Burla Negra que regresan con iniciativas que “revisitan” algunhas das máis emblemáticas mobilizacións que se desenvolveron despois do afundimento do Pretige.

Co nome “DésPRESTIGE” artellan un calendario de mobilizacións das que destacan as previstas para tres datas. No 30 de novembro, co nome Proxecto Dés-Educa-Acción, A Burla concentrará en Laxe a alumnado e profesorado de diversos centros de ensino para lembrar a Cadea Humana que organizara Area Negra. O 1 de decembro terá lugar o Dés-Concerto Expansivo, un concerto que terá lugar en locais de toda Galiza, en lembraza do 1º Concerto Expansivo de Febreiro de 2003 ademais da Marea da Dignidade, aquela manifestación emblemática. O 28 de decembro é un día para a historia das mobilizacións na Galiza e nesa data terá lugar unha acción sorpresa e colectiva, no aniversario do Velorio do Mar na Coruña, da morte de Man, e do nacemento do burliño, a icona da Burla Negra.

Dez anos da cultura de negro

Nas mareas baixas, limpar. Nas altas, actuar”, era a lenda que durante meses conduciu a cultura despois de que un petroleiro chamado Prestige comezase a botar chapapote na nosa costa. Libros, concertos, discos, exposicións, producíronse naquel tempo mais na memoria queda, sobre todo, a imaxe de homes e mulleres da cultura poñéndose á fronte das multitudinarias manifestacións daquel inverno de 2002.

Manolo Rivas, Uxía, Suso de Toro, Patricia Vázquez, Morris, Carlos Blanco ou Miguel de Lira son algúns das moitos nomes de homes e mulleres da cultura que levaban os cartaces nas mobilizacións. Escribían, cantaban, lían manifestos ou ían ao mar. A actividade era frenética e o mundo da cultura respondeu como nunca antes fixera, case de maneira unánime, producindo e actuando, organizando espectáculos ou tinguindo de negro as manifestacións. A ninguén lle resultaba entón raro que quen lese o manifesto en Madrid fose Manuel Rivas ou Miguel de Lira, Uxía en Compostela e Morris, Julián Hernández, Teté Delgado, Uxía ou Manuel Romón en Vigo.

A cultura non parou desde que o petroleiro embarrancou e se afundiu naquel novembro de 2002. A rabia pola invasión do chapapote e pola actuación do PP no goberno da Xunta e do estado foi a semente dunha resposta histórica e espontánea que despois procurou organizarse. Aínda non rematara o mes cando no Auditorio de Galiza de Compostela catrocentas persoas poñían nome en asemblea á plataforma que había coordinar o mundo da cultura. Nacía a Burla Negra, o literario nome que evocaba o pirata Benito Soto, que logo se integraría na Plataforma Nunca Máis, protagonista das máis imaxinativas protestas. A primeira das accións foi un peche na casa da cultura de Laxe, a segunda sería xa na rúa, o lugar privilexiado para persoas da música, da literatura ou do espectáculo durante aqueles tensos meses. Unha marea gaiteira o 6 de decembro era a presentación pública da Burla Negra, con Budiño, Ugia Pedreira, Susana Seivane, Guadi Galego, Ferreirós, Rodrigo Romaní, Xurxo Souto ou Bieito Romero á fronte dunha maré musical, primeira mostra de manifestacións cheas de enerxía e arte.

Na literatura a pegada do chapapote chegou case de inmediato. O escritor Suso de Toro baixou de seguido ás praias e converteuse no autor do primeiro libro sobre o Prestige. A primeira edición de Nunca Máis. Galiza á intemperie (Edicións Xerais), presentada como “crónica urxente do primeiro mes da marea negra do Prestige” esgotouse en tan só quince días. De Toro mostraba o seu caderno ciscado de chapapote e explicaba o ímpeto que o levara a escribir: “Sentín a desproporción entre o dano xigantesco e a soidade da xente”.

Daquela xa os poetas comezaban a escribir e a poñerlle versos ao desastre. Os poemas aparecían por toda parte, en recitais, en manifestacións, nas páxinas creadas na rede ou en antoloxías poéticas que viron a luz naqueles meses. Entre elas, a antoloxía de cento dez poetas Negra Sombra. Intervención poética contra a marea negra, publicada por Xerais e Espiral Maior. A Asociación de Escritor@s en Lingua Galega convocaba o maratón poético Alma de Beiramar na Coruña, do cal sairía un libro en A Nosa Terra, con Luísa Villalta, Manuel María, Fernán Vello ou Mª Xosé Queizán, entre outras persoas, entrementres en Ourense e Lugo se artellaba Co-man-do mar (escritor@s do interior contra a marea negra). As Redes Escarlatas botaban a andar na súa web o Boletín de contrainformación da maré negra cun suplemento poético onde Gonzalo Navaza, Daniel Salgado ou Chus Pato poñían os seus versos. Os autores da Costa da Morte mostrábanse especialmente activos e Rafa Villar, Alexandre Nerium, Miro Villar ou Modesto Fraga, falaban e recitaban por toda parte, ao tempo que o chapapote imprimía a súa obra. As novelas tardarían un anaco máis en aparecer, entre elas as de Rosa Aneiros ou Luís Rei Núñez.

Actos artísticos e festivos contra a marea negra invadían rúas e prazas. A música estendeuse por todo o territorio, en concertos que tiñan como fin a denuncia e tamén a recadación de fondos para as mobilizacións. Entre eles sobresae o “Canto de autor por Galiza”, celebrado o 21 de xaneiro no Sar con Paco Ibáñez, Pablo Milanés, Fausto, Luis Pastor, Uxía, Moncho Alpuente, Pi de la Serra, Joao Afonso, Pedro Guerra, Batallán, Rodrigo Romaní, Javier Ruibal ou Emilio Cao, alén de poetas como Ramiro Fonte, Chus Pato, Baixeras, Ferrín, Manuel Rivas, Ana Romaní ou Xosé María Álvarez Cáccamo. O primeiro sábado de febreiro o país enteiro fervía cos concertos expansivos celebrados en 140 locais con Milladoiro, Fuxan os Ventos, Uxía, O mago Antón ou Berrogüeto.

Ninguén quedou sen a súa iniciativa contra o atentado do Prestige. De colectivos e asociacións nacían propostas ás que de seguida se sumaban artistas e escritor@s. Os Círculos Líticos estreaban o día 2 de abril un espectáculo con Lois Diéguez, Pilocha, Xoán Rompe, Isidro Novo, Antón Fortes ou os Magos Antón e Teto.

Humor negro

As Ultranoites da Nasa déronlle un repaso ao desastre en clave de humor negro na ponte entre febreiro e marzo, ao tempo que Leo Bassi comezaba unha xira contra o Prestige. Na Coruña, a Gran Noite de Humor Negro fixo rir naquel velorio con Quico Cadabal, Carlos Blanco, Manuel Manquiña, Nancho Novo, Cándido Pazó, Serxio Pazos, Xavier Veiga e Mofa e Befa. O público respondía como nunca a todas as convocatorias e o cartel de “non hai billetes” pendurábase as máis das veces.

Coa exposición “Humor Cru” o Museo do Humor de Fene presentaba unha exposición de banda deseñada, ilustración, montaxes e obxectos con moito humor gráfico. Carrabouxo, Siro, Pepe Carreiro, Kiko da Silva ou Leandro, participaban na mostra artellada por Xaquín Marín. Tomaba parte o Colectivo Chapapote, grupo de autores de banda deseñada coordinado por Kike Benlloch que denunciaba a través do cómic, entre eles o H2Oil. Deste tempo é tamén A conta atrás, con ilustración de Sergi San Julián e guión de Carlos Portela. A arte plástica e a fotografía paralizaron as impresionantes imaxes en traballos como os Retratos voluntarios de José Luís Abalo. Xurxo Lobato facíase co premio Ortega y Gasset cunha foto que pasaría a historia: o momento no que o Prestige se partía en dous en alta mar.

“O mundo da cultura galega estaba anulado polo derrotismo e tamén pola complicidade. Agora todo isto xa é vello” dicía entón Suso de Toro, de cando a cultura saíu á rúa para berrar Nunca Máis!  

Comentarios