O concerto do ano no país das bandas

A Banda Sinfónica da Federación Galega de Bandas de Música Populares estrea as obras gañadoras do certame de composición nun concerto que terá lugar no Auditorio de Galicia de Compostela o sábado 29 ás 21.00 horas. Estrearán Arieñium, de José Ignacio Blesa Llull, Camiños da Luz, de Santiago Fontes e Insomnio de Juan Manuel Eiras, as obras gañadoras no Certame que cada ano organiza a FGBMP.
bandas
photo_camera bandas

A Banda Sinfónica da Federación Galega de Bandas, composta por músicas e músicos das distintas bandas, é a encargada de estrear as obras gañadoras de cada edición do concurso que anualmente premia ás mellores composicións. O concerto que terá lugar no Auditorio de Galicia será unha cita obrigada para o público que goste da música de bandas xa que será un momento especial para comprobar a calidade tanto das composicións como da interpretación nun espazo que conta con condicións especiais para concertos musicais, como demandan desde a Federación.

Arredor de 5.000 persoas, en especial xente nova, toca no cento de bandas populares que se espallan por todo o noso territorio, un fenómeno musical de grandes dimensións que goza tamén dunha cada vez máis alta calidade artística.

Bandas populares son as agrupacións musicais que se artellan ao longo de todo o territorio e dependen unicamente das súas propias asociacións, das familias dos seus compoñentes ou da actividade que xeran cos concertos. A Federación Galega de Bandas de Música Populares conta con 88 bandas asociadas e, desde hai seis anos, organiza o Certame Galego de Bandas, un encontro en que participan arredor de 1000músic@s e que en cada edición dá medida da calidade e o alto nivel interpretativo das agrupacións.

Lucía Carreira, vicepresidenta da entidade, destaca non só a relevancia das bandas, senón tamén o seu alto nivel formativo. “Habitualmente teñen as súas propias escolas e os coñecementos técnicos son cada vez maiores, adquiridos en boa medida en conservatorios”, comenta.

As bandas estruturan un mapa musical xeneroso. Case toda persoa que queira tocar nunha agrupación musical pode ter acceso a ela a non moitos quilómetros. Para dar só un exemplo, en Compostela desenvolve a súa actividade a Asociación Musical Solfa, mais só con dar unha volta arredor atopamos as bandas de Lausame, Arca, Touro, Arzúa, Boqueixón, Ordes... Un acontecemento cultural dunha dimensión única e con especial presenza no rural e nas vilas. “A nosa é unha tradición moi forte e, con excepción de Valencia, estamos á cabeza en toda a península”, comenta Lucía Carreira, entrementres destaca dous elementos: o feito de seren iniciativas auto-xestionadas e tamén a entrega dos milleiros de músic@s que procuran sacar horas das súas xornadas para iren a clases e ensaiaren co grupo nunha dinámica en que a disciplina é precisa.

Unha experiencia única

“A experiencia de participar nunha banda é única. Comparten un sentimento común que é nin máis nin menos que tocar ben, e desde o punto de vista social e educativo é un ámbito extraordinario de formación”, destaca Carreira. Desde que botaron a andar o Certame Galego de Bandas, imprimiuse unha dinámica especial no calendario das agrupacións musicais populares. En cada edición convócase con carácter previo un concurso de composición de temática galega do cal saen as obras que serán de interpretación obrigatoria para o seguinte ano, pezas que ocupan unha parte dos ensaios específicos.

O concerto de estrea das pezas gañadoras será un bo momento para apreciar a calidade e o nivel da música de bandas cando contan cos medios acaídos para a súa interpretacións. Desde a Federación denuncian prexuízos e mesmo o trato que ás veces reciben as agrupacións musicais populares, condenadas a tocaren en situacións precarias.

“Reivindicamos na federación espazo, silencio e medios para as bandas. Reclamamos tamén que sexan tidas en conta, poñemos por caso, en actos oficiais, como recoñecemento da súa relevancia facendo do noso un país musical”, defende Lucía Carreira.

Comentarios