A asociación que promove “a rebelión lectora”

Desde clubs de lecturas a conta-contos, desde sentadas lectoras a cumprelibros, desde noites na bibliotecas a magostos literarios. Espazo Lectura fai esta semana cinco anos desde que se constituíu coa única idea de animar a ler.

Espazo Lectura
photo_camera Espazo Lectura

Toda a actividade da asociación de Gondomar Espazo Lectura xira arredor dos libros e a súa posta en común. Cunha programación estábel para todas as idades, a asociación é un modelo para a animación á lectura, impulsada desde as propias lectoras e lectores.

A iniciativa xurdiu a partir dun grupo de nais que, por volta de febreiro de 2006, decidiu botar a andar unha iniciativa para, de maneira conxunta, transmitir a lectura á nova xeración. “A idea era organizar unha serie de actividades estábeis, como maneira sólida de crear o hábito lector. Primeiro naceu o club de lectura de familia e, co tempo, fomos diversificando a programación. Como asociación constituímonos dous anos despois, isto é, primeiro foi andar e logo a formalización”, explica Concha Costas, presidenta de Espazo Lectura, arredor dun abano de actividades que queda á vista na súa páxina web, onde se pode ver o deseño desta singular asociación, única no noso territorio e modelo para outras iniciativas.

Desde o inicio, Espazo Lectura só fixo sumar. Sumou actividade dirixida a todos os tramos de idade, sumou diversificación na programación, sumou colaboracións e sumou persoas asociadas. Nos novos engadidos, sobresaen dúas propostas, unha chamada “Comando Le”, destinada á adolescencia dos 12 aos 15 anos, e "Contos en cueiros" para pre-lectura para bebés de 0 a 3.

"As persoas que participan teñen a sensación de pertencer a un colectivo, de compartir”, sinala Concha Costas

“Os libros son a base de toda a programación e de aí se abre ás vivencias, ás sensacións compartidas e a diversas aprendizaxes, facendo comunidade lectora. As persoas que participan teñen a sensación de pertencer a un colectivo, de compartir”, sinala Concha Costas. O xermolo está en Contomar, o programa de conta-contos de 3 a 9 anos que iniciou a andaina, que se celebra cada segunda feira na biblioteca pública de Gondomar. No ano 2009 a asociación abriu un espazo de seu no ámbito rural, a “Casa da Lectura” en que se converteu, despois de rehabilitada coas súas propias mans, unha antiga escola e que agora acolle unha actividade lectora cada terza.

Unha casa con 130 habitantes

Trinta persoas participan no desenvolvemento da programación, que ten como obxectivo implicar, na medida do posíbel, as persoas asociadas na actividades de Espazo Lectura. Desde o seu nacemento, arredor de 70 autor@s responderon o convite para presentar na asociación os seus libros, presentacións que se suman a outros vinte pequenos espectáculos promovidos arredor da literatura. Cada ano contabilizan unhas 110 actividades lectoras. Contan con 130 persoas asociadas, alén doce editoriais que son socias protectoras xunto con algún organismo e entidade. Doce centros de ensino da comarca espallan a programación en 2500 mochilas do alumnado. Son as cifras de Espazo Lectura, a dinámica iniciativa que ten, entre outras liñas de traballo, tres clubs de lectura na súa programación: “Club de lectura compartida Lendo contigo” de 7 a 11 anos, Club de Lectura Sete Vidas e Club de Lecturas Debuxadas.

"A noite na biblioteca, os cumprecontos, a sentada lectora na Alameda ou a fogueira dos versos polo San Xoán, son algunhas das iniciativas difíciles de esquecer"

A imaxinación e a festa son as protagonistas en boa parte das actividades, creadas para convidar a ler a cativada. A nada que pense, Concha Costas comeza a debullar propostas de grande éxito que a xente miúda acolleu con entusiasmo. A noite na biblioteca, os cumprecontos, a sentada lectora na Alameda ou a fogueira dos versos polo San Xoán, son algunhas das iniciativas difíciles de esquecer por parte das persoas participantes. No cumprecontos, pomos por caso, a crianza protagonista escolle o seu relato preferido, que a persoa encargada de ler transmite ao grupo. No fin, recibe un pequeno libro como agasallo acaído para a conmemoración. Coa “Fogueira dos Versos” ponse fin á programación cunha selección de poemas adubados con lume ou mesmo con chourizos. A “Noite da biblioteca” foi toda unha descuberta, cando se iniciou no 2008, para despedir a comezos de xuño as actividades infantís do curso. Agora hai lista de agarda e só entra nela quen participa da actividade do curso, para durmir a carón dos libros, con lecturas antes de pechar os ollos e sorpresas cando os abren. Para partillar de todo este universo, o mesmo convite: “Únete á rebelión lectora”.

 

Comentarios