A Academia elixe presidente entre Alonso Montero e Manuel González

O pleno da Real Academia Galega (RAG) reúnese hoxe ás 12:00 para escoller o nome do que será sucesor de Xosé Luís Méndez Ferrín ao fronte da súa presidencia. As candidaturas de Xesús Alonso Montero e Manuel González concorren a unhas eleccións insólitas, despois dun tempo de convulsión que deixa a Academia dividida. A incerteza sobre o hipotético gañador é absoluta. Nen sequer se desbota que até vaia votar Ferrín, cuxa demisión como numerario non fora aceitada no seu momento polo Pleno.

Alonso Montero e Manuel González
photo_camera Alonso Montero e Manuel González

Desde que o día 25 de febreiro, Xosé Luís Méndez Ferrín enviara a todas as persoas que toman parte do plenario da RAG -tamén ás correspondentes- a súa carta de dimisión, a tensión non cesou para os membros que compoñen a institución que ten como obxectivo velar pola lingua. Os estatutos daban tres meses para buscar unha persoa que sucedese o escritor desde o desenvolvemento do pleno no que se aceptaba a súa renuncia, mais os prazos apuráronse e en menos de dous meses a Academia vai ter novo presidente.

Menos de dous meses que abondaron para mostrar que a fenda deixada por Ferrín despois da súa abrupta demisión -con acusacións cruzadas de nepotismo e control da institución- non había sandar a curto prazo. A rolda de imprensa na que a totalidade das persoa presentes arrouparon a executiva despois do pleno no que Xosé Luís Méndez Ferrín deixaba a Academia non era máis que un espellismo dunha unión que nunca se ía producir. 

Ao pouco, dúas candidaturas deixábanse ver como propostas para dirixir a RAG. O tesoureiro de Xosé Luís Méndez Ferrín, Manuel González, apurábase a rexistrar a súa candidatura e dirixir despois unha carta aos académicos e académicas para mostrar a súa vontade de se presentar cunha candidatura que, desde o inicio, deixaba ás claras a súa condición de herdeira da anterior executiva. Canda González, presentábase o lingüísta Francisco Fernández Rei -tamén da equipa de Ferrín- máis Xosé Luís Regueira, o terceiro membro do ILG que constituiría a primeira listaxe que se propoñía para dirixir a Academia. 

Se por carta e con rexistro se presentaba Manuel González, o escritor e investigador Xesús Alonso Montero optaba por facer pública a súa candidatura en plena sede da Rúa Tabernas cunha rolda de imprensa na que anunciaba o rexistro da súa listaxe. Canda el compuñan o equipo inicial a lingüísta e ex-directora do ILG Rosario Álvarez mais o teólogo Xesús Torres Queiruga. Avalaban xa desde o inicio a candidatura, a profesora e directora de cine Margarita Ledo e o investigador Xesús Ferro Ruibal. 

Desde o inicio, un e outro mantiñan a postura de ceder dúas dous dos postos mais nunca o de presidente.

Unha situación insólita, difícil de explicar para moita xente -os membros do ILG aparecían divididos- abría paso a un tempo no que o acordo parecía imposíbel de callar. Detrás quedaban acusacións de nepotismo por parte da anterior directiva -a saída á luz do contrato de varios familiares dalgúns dos seus membros-, mais o intento de control por parte do ILG e o CCG, alén das presións para que a Academia retirase o recurso contra o plurilingüísmo que tiña apresentado no Supremo, ambas postas sobre a mesa nunha entrevista horas antes da demisión de Ferrín polo seu secretario Xosé Luís Axeitos. 

Dúas vacantes que xa se cubriron

Tanto un como outro académico decidiron deixar vacante dúas das prazas das propostas para a executiva, co fin de deixar á vista a vontade de chegar a un acordo que unificara listas. Desde o inicio, un e outro mantiñan a postura de ceder dúas dous dos postos mais nunca o de presidente. A tal hora, ese sinal de que non se pechaban portas a un diálogo e encontro entre as partes xa desapareceu e ambas listas completaron a candidatura despois dun tempo no que a vontade de encontro non apareceu por ningures. 

Esta mesma segunda feira, a só cinco día das eleccións, o candidato Manuel González lamentaba no momento de presentación do seu programa na rúa Tabernas que non houbese ningún convite formal por parte da outra candidatura para o diálogo. A chamada recibíase pouco despois e na mesma tarde, González reuníase ao pé do ILG con Rosario Álvarez, Torres Queiruga mais Ferro Ruibal que lle expuxeron as condicións para unha lista única por parte da candidatura de Xesús Alonso Montero considerada naquel momento,  tamén polo propio opoñente, como maioritaria. Manuel González tomou nota e asegurou que ía pensar a resposta co seu equipo mais a contestación chegou en directo no debate da TVG que se ía producir na mañá da cuarta feira na que, en directo, rexeitaba as condicións e mantiña a súa candidatura á presidencia. Naquel momento, González e Alonso Montero confesaban que levaban máis de quince días sen se ver en persoa. 

Así as cousas, a candidatura encabezada por Xesús Alonso Montero completou os dous nomes que faltaban para compor unha nova executiva. Aos de Rosario Álvarez e Torres Queiruga íanse sumar o de Margarita Ledo -que sería a nova tesoureira- e o de Henrique Monteagudo, que ocuparía o posto de secretario. Canto a Manuel González optou por manter as dúas vacantes até último momento e non facer público os nomes que o acompañarán na votación de hoxe, mais todo apunta a que serán o propio Xosé Luís Axeitos -presidente en funcións e man dereita de Ferrín na anterior directiva- e o escritor Darío Xohán Cabana. 

Ninguén fai apostas

Mais se hai uns días a candidatura de Xesús Alonso Montero se daba por vencedora en todas as apostas, neste momento a incertidume prendeu en boa parte dos membros da Academia. A aparición de Ferrín no fin de campaña e chamadas dunha e outra partefan que ninguén saiba como pode ser o resultado da votación. Menos de trinta votos e deles algúns con pouca participación na vida da institución fan imposíbel as contas e aventuran unha sesión tensa na Rúa Tabernas. 

Grande incógnita é se, nunha situación na que un voto pode ser crucial, aparecerá o sufraxio de Xosé Luís Méndez Ferrín, que renunciou a súa condición de académico

Dos trinta postos que ten o plenario, dous están sen cobrir, os que ocuparán cando lean os seus discursos a escritora Fina Casalderrey máis o  historiador Pegerto Saavedra. Grande incógnita é se, nunha situación na que un voto pode ser crucial, aparecerá o sufraxio de Xosé Luís Méndez Ferrín, que renunciou a súa condición de académico, mais tería dereito a voto xa que non foi aceptada polo pleno. Tampouco se sabe se chegarán votos por correo xa que coñecido é por todo o mundo que algunha das persoas está incapacitada por motivos de saúde para se achegar á participar na votación. 
Así as cousas, a tensión manterase até o último momento e, á marxe daqueles académicos e académicas que mostraron ás claras a intención do seu voto, os dous candidatos temen a orientación dun grupo de indecisos que poden abanear para unha ou outra parte e decidir, finalmente, o resultado da votación. 

As acusacións, entretanto, non cesaron. Por unha banda, sinten que o poder da candidatura de Xesús Alonso Montero ao ter canda si membros do CCG como o seu presidente Ramón Villares podería estar a exercer presión e, pola outra, lamentan a intromisión de Xosé Luís Méndez Ferrín con declaracións públicas e interpelacións directas para conseguir apoios para os seus sucesores, alén do emprego do aparato da institución por parte da executiva en funcións. Na propia véspera das eleccións, a Academia facía pública unha nota asinada por quen ocupa temporalmente o posto de presidente, Xosé Luís Axeitos, na que confirmaba que a Xunta non desestira de formular recurso de casación diante do Supremo polo decreto do plurilingüísmo -cabalo de batalla neste tempo- ao tempo que facía notar que “os servizos xurídicos da RAG seguen a facer un traballo responsábel, xeneroso e desinteresado en defensa da lingua galega, sen percibiren ningún tipo de remuneración”. 

De se producir un empate na primeira votación, o plenario tería que ir a unha segunda na que os votos por correo non computarían. De persistir o empate, gañaría o candidato con máis tempo de académico que, neste caso, é, curiosamente, o máis novo. Manuel González é un dos máis antigos membros na institución. 

Comentarios