80 anos sen Ánxel Casal, un editor para un país

Hoxe cúmprense 80 anos do ‘paseo’ en Cacheiras do alcalde de Santiago, vicepresidente da Deputación da Coruña e, sobre todo, editor. “O primeiro editor moderno de Galiza”, segundo a Asociación de Editoras.

estatuto-anxelcasal
photo_camera Presentación do Estatuto de Galiza nas Cortes españolas. Ánxela Casal é o terceiro pola dereita.

Nesta data o BNG lembrou pola mañá en Compostela a súa figura e o Concello de Teo fai o propio á tardiña na Estivada da Ribeira (Cacheiras), onde foi atopado o seu corpo. Casal foi paseado logo de voltar a Galiza para defender a República, posto que a sublevación franquista sorprendeuno en Madrid, onde acudiu coa delegación galega a presentar o Estatuto nas Cortes españolas como vicepresidente da Deputación da Coruña. 

Tamén o sector da cultura lembrou a esta figura fundamental do galeguismo. A Asociación de Editoras salientou o seu labor incansable: “Durante 12 anos, entre 1924 e 1936, e en dúas cidades, na Coruña primeiro e logo en Compostela, Ánxel Casal publicaría máis de oitenta libros, centos de folletos e separatas, revistas e diarios, nunha intensísima actividade cultural que a Asociación Galega de Editoras considera “fundacional” para o libro galego moderno. Do prelo de Casal saíu quizais o conxunto máis importante da cultura galega de toda a súa historia”. 

AGE: "Do prelo de Casal saíu quizais o conxunto máis importante da cultura galega de toda a súa historia"

En 1924 crea na Coruña, xunto con Leandro Carré, Lar, a primeira editora galeguista, que chegou a publicar 35 volumes. Logo sepáranse e Casal monta a editorial Nós en 1927, que pouco despois se traslada a Compostela. Da súa imprenta sae A Nosa Terra e a revista Nós. Foi tamén o editor dos ‘Seis poemas galegos’ de Federico García Lorca, prologados por Eduardo Blanco Amor. O granadino foi asasinado o mesmo día ca el. 

Segundo a AGE, o labor editorial de Ánxel Casal foi fundamental na “consolidación do sistema literario de preguerra”. Del subliña que “era un home eficaz e de talento, aglutinador, comprometido co galeguismo e co pensamento de esquerdas, e sempre atento ás linguaxes e estéticas modernas e internacionais”. Ademais dos poemas de Lorca, Nós publicou baixo a súa dirección obras que hoxe son clásicos da literatura galega, como ‘De catro a catro’ de Manuel Antonio, ‘Arredor de si’ de Otero Pedrayo, os ‘Retrincos de Castelao’ ou o ‘Mar ao norde’ de Álvaro Cunqueiro, entre moitos outros.
 

Comentarios