775.000 euros para a difusión do audiovisual galego

As subvencións para salas de cinema pretenden "facilitar" a modernización e un funcionamento dixital sustentábel destes espazos.
As salas de cinema son obxecto dunha liña de subvencións. (Foto: Nós Diario)
photo_camera As salas de cinema son obxecto dunha liña de subvencións. (Foto: Nós Diario)

O Diario Oficial da Galiza (DOG) recolle esta semana o programa de subvencións ao audiovisual galego de 2023 coa convocatoria das tres primeiras liñas de axuda. Estas suman un investimento de 775.000 euros para apoiar, especificamente, as fases de exhibición, difusión e internacionalización. O DOG publicou esta quinta feira as bases das axudas para salas de cinema (por importe de 500.000 euros) e para asistencia a foros de negocio especializados e eventos de cine fóra da Galiza (dotadas con 50.000 euros).

E esta sexta feira agárdase que o DOG publique as bases das axudas a festivais audiovisuais (con 225.000 euros). Nos vindeiros meses abriranse as convocatorias para produción e coprodución audiovisual, desenvolvemento de proxectos e impulso do talento.

As subvencións para salas de cinema pretenden "facilitar" a modernización e un funcionamento dixital sustentábel de espazos de exhibición cinematográfica, especialmente diante dun panorama "marcado polos novos hábitos no consumo audiovisual" a partir da pandemia. As bases para a comercialización e difusión exterior de proxectos e obras audiovisuais que se publicaron onte inclúen por vez primeira os videoxogos.

No caso deste sector, subvencionarase a asistencia ao Gamescom de Colonia (Alemaña), Gamépolis de Málaga, IndiDevDay de Barcelona e Bigconference de Bilbao.

Dotación para festivais

Entre os requisitos exixidos para acceder ás subvencións de festivais audiovisuais, estabelécese unha duración mínima de catro xornadas con, cando menos, 20 proxeccións, así como contar con tres edicións consecutivas nos anos inmediatamente anteriores. Ademais, a programación debe conter 5% de títulos ou cinco sesións de produción cinematográfica ou dirección galegas.

Comentarios