70 anos de Benito Soto, a primeira colección en galego após o golpe de Estado

Pontevedra acolle un acto da RAG que recordará a aventura da colección. Familiares dos autores que formaron parte do seu catálogo e distintos creadores poranlles voz a poemas publicados polo selo. Ángeles Ruibal encargarase da interpretación musical.

benito soto imaxe cortesía Fundación C Casasbellas
photo_camera Imaxe cortesía Fundación C Casasbellas

A primeira colección de poesía que acubillou versos en galego tras a Guerra Civil naceu na Pontevedra de 1949 co nome do pirata da Moureira, Benito Soto. Entre a primavera dese ano e a de 1952 sairían do prelo de Gráficas Torres un total de 15 poemarios, grazas ao entusiasmo do fillo do propietario da imprenta, Sabino Torres (1924-2016), e os seus colegas Emilio Álvarez Negreira (1926-2002) e Manuel Cuña Novás (1926-1992).

“A colección Benito Soto inaugurou unha etapa de esperanza para a poesía e para a literatura galega nun contexto histórico moi difícil, en plena ditadura de Franco. Se repasamos os títulos que a integran, vemos autores de enorme significación que son aínda hoxe referencias obrigadas da nosa literatura”, salienta o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes.

A institución celebrará esta sexta feira no Museo de Pontevedra os 70 anos do inicio daquela iniciativa. Os versos acubillados polo selo soarán no Edificio Sexto nas voces de familiares de Xosé María Álvarez Blázquez, Celso Emilio Ferreiro, Manuel Cuña Novás e Manuel Fabeiro —parte do catálogo de Benito Soto—, Eva Mejuto, Antón Sobral, Xaime Toxo o os académicos Xosé Luís Franco Grande e Marilar Aleixandre. O programa, conducido pola académica Fina Casalderrey, inclúe ademais a interpretación musical de poemas a cargo de Ánxeles Ruibal, filla doutro dos poetas da colección Benito Soto, José Ruibal.

A conmemoración está organizada pola Real Academia Galega coa colaboración da Deputación de Pontevedra.

Comentarios