'7 visións' de Sumrrá, nova música para romper coa literalidade

Desde hoxe está dispoñíbel en todas as plataformas dixitais o novo de Sumrrá, 7 Visións. Un sétimo disco nado no ano da pandemia e que neste abril comezou a viaxe das actuacións ao vivo en Menorca e Compostela. Nós Diario conversa con Xacobe M. Antelo sobre o novo traballo e os 21 anos do trío de jazz Sumrrá.
_DSC5765 (1)
photo_camera De esquerda a dereita, LAR Legido, Manuel Gutiérrez e Xacobe Martínez Antelo, o trío que forma Sumrrá. (Foto: Juan Luis Amado)

No ano 2000 nacía o trío de jazz Sumrrá en Compostela. Agora, 21 anos despois, seis discos e innumerábeis concertos por medio mundo, pon nas plataformas dixitais musicais o seu último traballo discográfico, 7 Visións, editado co selo Clermont Music e que nos próximos días tamén estará á venda en formato CD.

“Ímolo sacar tamén en vinilo”, explica a Nós Diario o contrabaixista Xacobe Martínez Antelo, “pero os vinilos non chegarán até finais de ano, supomos, porque polo seu propio ritmo de fabricación, máis artesá, e polas incidencias causadas pola  Covid-19, hai atrasos de meses”.

Mais mentres coleccionistas, fans e freaks do vinilo agardan, Sumrrá festexa os seus 21 anos de música tocando ao vivo. O 10 de abril participaron no Festival de Jazz de Menorca, e o 16 de abril, no Teatro Principal de Compostela presentouse este 7 Visións, onde "se deu a peculiaridade de que Sumrrá, que sempre facía as músicas e as tocaba en directo moito tempo até logo gravalas", conta Antelo, "neste caso, por primeira vez foi ao revés, metémonos no estudio a gravar sen ter tocado en directo nin unha soa vez.

O proceso de '7 visións'

Unha variación na dinámica que co obxectivo de "pór música a conceptos máis tanxíbeis, ou que producisen un imaxinario mental rápido en nós, á hora de tocar, e na xente á hora de escoitalo. Apetecíanos con este disco romper coa literalidade máis inmediata, do día a día", analiza Antelo.

O contrabaixista relata que o trío buscou con 7 Visións "coller moita distancia e desde alí xogar a facer astrofísica ou filosofía ou enxeñaría aeronáutica". E así a banda foi "a contextos xigantes, de tempo e de espazo e tamén, microscópicos". Exemplo disto son temas dedicados a Ra, deus do sol, e composicións que plasman a "distancia entre o Big Bang e a formación da Terra"; 13.700 millóns de anos con música.

"Cando estabamos iniciando este proceso, xa coa música practicamente composta, seguiamos a facer concertos e chegou a pandemia", lembra. "No momento no que nos empezaron a ceibar un pouco, centrámonos nisto como actividade musical principal, fixemos un traballo longo e intenso de preprodución que repercute na calidade do disco", recalca.

21 anos de traxectoria

Dúas décadas desde os primeiros acordes de Sumrrá, desde aquel primeiro disco homónimo, ao que seguiu Sumrrá 2 en 2005. Logo chegou o ano da crise, 2008, e a banda editou 3 Ao vivo e a crise íase batallando; en 2010 aparecía 4.0.

En 2015 saíu ao mercado V Journeys, inspirado nalgunhas cidades nas que o trío tocara; e en 2018 o aplaudido 6 Mulleres, no que elas foron a inspiración e referentes xeográficos e culturais.

“Estes días facía o chiste de que lle vou ir pondo marcas ao contrabaixo como Lucky Luke ao revólver”, conta entre risas Xacobe Martínez, ao falar dos atrancos e das mudanzas destes 20 anos. “Desde que nós empezamos até aquí mudaron unha chea de cousas.

Esa sensación de que o tempo se precipita e todo cambia, pero cando Sumrrá nos pomos a tocar dá igual todo, segue a haber ese mesmo pulso interno que nos mantén presentes, vivos e espertos e estabelecemos ese pacto co público”.

Desexando a xira Sumrrá 

"A música ten ese poder incríbel de que cando sucede o ritual da música en directo, o resto desaparece", explica Antelo. Por iso  o trío agarda a chegada do verán, dos festivais e dos concertos ao aire libre para presentar 7 Visións ao mundo.

"Agardamos que sexa, polo menos, como o verán pasado, que houbo moitos concellos que apostaron por programar cultura con capacidades controladas, trazabilidade e medidas sanitarias".

Comentarios