Vítor Vaqueiro

"Que con 65 anos abandones unha norma sabendo que a editorial che vai fechar a porta ten un valor simbólico grande"

De non mirarmos os seus dados biográficos, diriamos que é ben máis novo, sensación que se acrecenta ao escoitar o gravado. Sen dúbida, a vitalidade e o entusiasmo transmítense polo ouvido. Entrevistamos Vítor Vaqueiro no Sermos Galiza 236. Deixamos aquí un extracto da conversa.

vitorvaqueiro_008

Hai pouco reivindicabas con moita outra xente a igualdade de trato para os escritores reintegracionistas no sistema cultural e editorial galego a través do manifesto O fim do apartheid

Claro, é que non nos damos de conta disto, como funciona desde o punto de vista dos dereitos cívicos. Que unhas persoas se vexan privadas de publicar pola grafía coa que escriben é algo inconcibíbel. Pero ademais hai sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza redixidas en reintegrado e unha sentenza pola cal asociacións reintegracionistas lle gañan un xuízo ao goberno da Xunta de que ninguén pode ser marxinado nin discriminado pola súa grafía. E o máis grave é que o fan sen crelo, porque falas cos responsábeis das grandes editoriais galegas e din “estamos convencidos de que galego e portugués é o mesmo idioma”. Ou “vaia lío no que nos metemos, a ver como saímos del”. Ou as declaracións de Villares, presidente do Consello da Cultura, dicindo que hai que achegarse.

3Na vosa opinión a implantación da actual normativa actual pexou a implantación do galego na sociedade?

Na nosa opinión os problemas que atinxen ao desenvolvemento do galego son esencialmente políticos e sociais. Agora, xa o remarcamos varias veces no libro, a norma é un eficaz acompañante, como o gaiteiro que acompaña o rexemento inglés, no sentido de enfebelecer a identidade galega e achegar -visualmente mesmo- o galego ao español. A Xunta nunca vai admitir isto, pero creo que o seu último obxectivo é ese: que o galego se converta na forma específica de falar o español na Galiza, como cando moita xente di: “que riquiño el niño, vente que te voy a dar un colo”. E ignoran que colo é unha palabra galega.

De todos os xeitos, nos últimos anos a unidade lingüística galego-portuguesa xa ninguén a discute. Aí houbo un certo avance.

Con toda humildade, pero o feito de que Sechu Sende, Teresa Moure, Verónica Martínez ou eu mesmo -perdón por autocitarmeabandonaramos a normativa oficial, iso pesa. O meu caso debe ser o máis rechamante. Agora vou cumprir 69 anos. E que con 65 anos abandones unha norma sabendo que a editorial na que levas 35 anos publicando che vai fechar a porta, eu creo que iso ten un valor simbólico grande, independentemente de que Teresa é moito máis coñecida ca min. E é que ao cambiar de normativa ti sabes que perdes moito. Eu escribía un libro para Galaxia e aos tres meses sabía que estaba circulando polo país. E este libro leva tres anos feito, e sae agora. É complicado. Cambiar supón pagar unha peaxe altísima. Eu recoñezo que a xente que deu ese paso hai 20 anos, porque eu deino onte pola tarde en comparación, tivo que custarlle moito na súa vida. O cal non ten un pase. Por iso digo, á parte da cuestión máis ou menos técnica, é un problema de hixiene democrática. Unha sociedade que actúa así, está doente. Eu, sinceramente, se a norma oficial fose a reintegracionista e non se permitise escribir á xente que escribe na que hoxe é oficial, partiríame a cara por eles.

[Podes ler a entrevista íntegra no Sermos Galiza 236, á venda na loxa e nos quiosques e puntos de venda habituais]

Comentarios