55 anos da publicación de 'Memorias dun neno labrego'

Esta terza feira 5 de xaneiro fanse 55 anos da publicación de Memorias dun neno labrego, o maior 'best-seller' da literatura galega, que ten sido traducido a ducias de linguas. 

Primeira edicion Memorias dun neno labrego
photo_camera Primeira edición de 'Memorias dun neno labrego'

Tal e como lle dicía o propio Neira Vilas a Sermos nunha entrevista do pasado outubro, “Memorias vai máis alá de min. Como di Freixanes: “Balbino desbórdate”, non precisa de min. Leva uns  800.000 exemplares vendidos, por diferentes edicións. Síguese reeditando moito, non paro de asinar exemplares por aí adiante. Unha señora de Ponteareas tróuxome hai pouco sete exemplares para diferentes nenos”. 

Contábanos tamén, orgulloso, que se estaba a traducir nese momento ao xaponés, ao esperanto en Nova York e tamén á lingua aborixe de Cabo Verde por Viviane Furtado, quen nunha entrevista con Sermos afirmaba que “a pesar de que a súa infancia transcorreu no interior galego e a miña nunha illa africana, hai moitas vivencias en que me sinto identificada com el”.

En Galaxia xa vai pola 35ª edición, e subindo. Pero a primeira edición saíu do prelo por vez primeira un 5 de xaneiro de 1961 en Bos Aires da man da editorial Follas Novas. A cuberta orixinal fora deseñada por Luís Seoane e a editora fora creada en 1957 polo propio Neira e a súa muller, Anisia Miranda. Aínda que, tal e como afirma a Academia Galega, “o grande éxito da obra arrincou en 1968, cando Ediciós do Castro publicou en Sada a segunda edición, ilustrada por Isaac Díaz Castro”.

Comentarios