51 bandas e artistas chegan á fase final dos Premios Martín Códax da Música

Nun acto realizado nas Bodegas Martín Códax, en Cambados, a organización dos Premios Martín Códax da Música anunciou na tarde de hoxe as 51 bandas e artistas que pasan á última fase de votación. Consulta aquí as finalistas.

Xiana Lastra, presidenta de Músicas ao Vivo. (Foto: Arancha Estévez / Premios Martín Códax).
photo_camera Xiana Lastra, presidenta de Músicas ao Vivo. (Foto: Arancha Estévez / Premios Martín Códax).

A música galega comeza a súa gran celebración. A VIII edición dos Premios Martín Códax da Música xa ten finalistas. Toda unha radiografía da música feita na Galiza que se desprega ao longo de 17 categorías, desde o pop e indie, rock, blues, funk e soul, até o metal, a canción de autor/a, a de base tradicional ou as músicas urbanas que continúan a emerxer con forza. 

Nun acto realizado nas Bodegas Martín Códax, en Cambados, a organización anunciou na tarde de hoxe as 51 bandas, tres por categoría, e artistas que pasan á última fase de votación.

Neste encontro, que contou coa participación dos finalistas, interviron o presidente das adegas, Xoán Antonio Allegue López, e a presidenta de Músicas ao Vivo, Xiana Lastra. “Foron máis de 400 os proxectos inscritos nesta VIII edición, algo digno de mención polo difícil momento que o sector viviu e está a vivir nos últimos tempos. Isto demostra a fortaleza e teimosía do noso gremio, malia os paus nas rodas que se nos están a pór”, valoraba Xiana Lastra durante a súa intervención.

No acto, tamén foron anunciados os finalistas na categoría de Proxectos de Comunicación e Difusión Musical: o programa de radio O Recanto do Corcovado, o colectivo Galeguiza-t e a exposición "Cantámola en galego".

Do 11 ao 24 de outubro serán as socias e socios de Músicas ao Vivo, as que voten entre os proxectos finalistas, e o 27 de outubro, no Pazo da Cultura de Pontevedra, desenvolverán a gala de entrega dos 8º Premios Martín Códax da Música, adiantan desde a organización.

En cada edición dos premios entrégase un galardón honorífico, escollido pola xunta directiva de Músicas ao Vivo, a un/unha música/o galega/o ou persoa vinculada directamente á música do país, pola súa traxectoria e carácter referente.

VIII Premios Martín Códax

O xurado, conformado pola cantante Carla Green, o músico Pablo Morán, o xornalista musical Carlos Crespo, o músico e programador Pepe Doré e a cantante, pianista e percusionista Diana Tarín, seleccionou A banda da Loba, Belém Tajes e Espiño na categoría de Pop Indie; en Rock, Loiros, Soulwide e Moon Cresta, e en Blues, Funk e Soul, Brais Morán, Narci Rodríguez dA Trío e Enxeito.

Xa en Metal están N.E.O, Doen e Nuada. MJ Pérez, Gustavo Almeida e Tomás Porteiro chegan á final en Canción de Autor; e Wöyza, Ilmarto e Marcos de la Fuente en Músicas Urbanas. 

A categoría de Reggae, Ska e Mestizaxe ten como finalistas Bush Doctors Band, Chow y La Diligente Reggae Band e The Skarnivals; en Eléctronica son Cora Novoa, Allova e Xackal as aspirantes ao premio; en Clásica e Contemporánea, Mateo Arnáiz, Alberto Vilas e Fernando Abreu, e en Jazz e Músicas Improvisadas, Javier Constenla Trío, David Regueiro Quartet e María Toro.

A Música Tradicional queda representada por Xurxo Fernandes & Pedro Lamas, Carapaus e Pelepau. O Folk, con Caamaño & Ameixeiras, Fiandola e Joel Padín, e as Músicas do Mundo con Enclave, Dous e Lamas / De Miguel / Romero. 

A música dirixida ao público cativo e familiar ten categoría propia nos Martín Códax. Estes son Chuches Amil, Concerto Punkinfantil (Brais das Hortas e Peter Punk) e Radio Bulebule (Paco Nogueiras) os seleccionados. 

Os tres finalistas na categoría de Orquestras, Grupos e Música de Verbena son Orquestra La Ocaband, Los Camachuelos e Bafana Bafana; no caso dos Coros e Grupos Locais, Coro da Ra, Sisters In The House e Encaixe, e as Bandas de Música Popular están representadas na final coa Banda Unión Musical de Meaño, Banda de Música de Chantada e Banda de Música de Antas de Ulla.

Relación dos finalistas por categorías

Pop e indie: A banda da Loba, Belém Tajes, Espiño

Rock: Loiros, Soulwilde, Moon Cresta

Blues, funk e soul: Brais Morán, Narci Rodríguez dA Trío, Enxeito

Metal: N.E.O, Doen, Nuada

Canción de Autor/a: MJ Pérez, Gustavo Almeida, Tomás Porteiro

Músicas urbanas: Wöyza, Ilmarto, Marcos de la Fuente

Reggae, Ska e Mestizaxe: Bush Doctors Band, Chow y La Diligente Reggae Band, The Skarnivals

Electrónica: Allova, Cora Novoa, Xackal

Música clásica e Contemporánea: Mateo Arnáiz, Alberto Vilas (“Naialma”), Fernando Abreu

Jazz e Músicas Improvisadas: Javier Constenla Trío, David Regueiro Quartet, María Toro (“Fume”)

Música tradicional: Xurxo Fernandes & Pedro Lamas, Carapaus, Pelepau

Música Folk: Caamaño & Ameixeiras, Fiandola, Joel Padín

Músicas do Mundo: Enclave, DOUS, Lamas / De Miguel / Romero

Música Infantil: Chuches Amil, Concerto Punkinfantil (Brais das Hortas e Peter Punk), Radio BULEBULE (Paco Nogueiras)

Orquestras, Grupos e Música de Verbena: Orquestra La Ocaband, Los Camachuelos, Bafana Bafana

Coros e Grupos Vocais: Coro da Ra, Sisters In The House, Encaixe

Bandas de Música Popular: Banda Unión Musical de Meaño, Banda de Música de Chantada, Banda de Música de Antas de Ulla

Proxectos de Comunicación e Difusión Musical: O Recanto do Corcovado, Galeguiza-t, Cantámola en galego

Comentarios