5.000 libros para os concellos da Coruña

A Deputación da Coruña abrirá os seus almacéns de libros para repartir case 5.000 libros en 30 concellos da provincia

libroslibre
photo_camera Presentación de 'Libros Libres'

A área de Cultura da Deputación da Coruña repartirá case 5.000 libros en 30 concellos da provincia dentro do programa “Libros para sermos Libres” que se desenvolverá o sábado día 22 de abril, véspera do Día Internacional do Libro. En tres anos completaranse a totalidade dos 93 concellos coa entrega de 15.000 exemplares do fondo da Deputación.

“Libros para sermos libres” é o lema da campaña que a área de Cultura da Deputación da Coruña organiza para conmemorar o Día Internacional do Libro e que se desenvolverá en trinta concellos da provincia. Na xornada, que se celebrará de forma simultánea na totalidade dos concellos, repartiranse arredor de 5.000 libros, nesta primeira edición dunha iniciativa que terá continuidade nos vindeiros anos até completar a totalidade dos concellos da provincia coa entrega de case 15.000 exemplares.

Os libros con que se agasallará á veciñanza dos distintos concellos proveñen dos fondos da Deputación da Coruña e son títulos de edición propia entre os que se encontran as obras gañadoras de premios como o Torrente Ballester, o Rafael Dieste, o Murguía, o Castelao ou o González Garcés, ademais doutros que se refiren ás recentes conmemoracións como o Día das Artes Galegas coa artista Maruxa Mallo como protagonista. Entre a selección de títulos atópanse tamén clásicos como 'Cousas' de Castelao, centro dun recente programa literario-teatral que se realizou en diversos concellos.

Nesta primeira fase, que terá continuidade nos dous anos seguintes, incluiranse na distribución obras de narrativa, ensaio ou poesía. Entre os títulos de poesía atópanse obras gañadoras ou finalistas do González Garcés de autores como Ramiro Fonte ou Helena Villar Janeiro. Obras de narrativa gañadoras do Torrente Ballester como 'A choiva do mundo' de Xosé Manuel Pacho Blanco ou teatrais do Rafael Dieste como 'Final de película' de Gustavo Pernas ou 'A ciencia dos anxos' de Inma Antonio xúntanse a outras de ensaio e investigación como o clásico 'Alfarería tradicional en Buño' de Luciano García Alén ou de banda deseñada como 'Mensaxes' de Mariano Casas.

Os concellos que participarán nesta primeira fase de “Libros para sermos libres” son A Pobra, Ames, Arteixo, Arzúa, Betanzos, Boqueixón, Camariñas, Cambre, Cariño, Cerceda, Coirós, Corcubión, Curtis, Fene, Laxe, Mazaricos, Monfero, Mugardos, Muros, Negreira, Padrón, Ponteceso, Pontedeume, Porto do Son, Ribeira, Sada, Santa Comba, Santiso, Sobrado e Vimianzo.
 

Comentarios