50 anos de asociacionismo cultural en Ribadeo da man da AC Francisco Lanza

A Agrupación Cultural Francisco Lanza leva cincuenta anos loitando pola dignificación e o desenvolvemento da cultura e da lingua galegas desde Ribadeo. Son días de celebración que se aproveitan non só para facer unha retrospectiva senón tamén para tomar un impulso de cara ao futuro da entidade. 
Imaxe dunha actividade organizada pola Agrupación Cultural Francisco Lanza en Ribadeo [AC Francisco Lanza].
photo_camera Imaxe dunha actividade organizada pola Agrupación Cultural Francisco Lanza en Ribadeo [AC Francisco Lanza].

Un 25 de Xullo de 1969, coa ditadura franquista como pano de fondo, tivo lugar en Ribadeo a primeira Feira do Libro Galego: "Merque un libro galego e axudará ao espallamento da cultura galega", rezaba o lema que se pregoaba para animar a veciñanza. Unha andanza impulsada pola complicidade de base que desembocaría, en 1971, na creación da Agrupación Cultural Francisco Lanza de Ribadeo, co rexistro dos primeiros estatutos. 

Eis os primeiros pasos da Francisco Lanza, que este 2021 celebra o seu 50 aniversario. Ao longo dos seus cincuenta anos de historia, esta asociación tornouse nun piar fundamental da actividade cultural desde o concello de Ribadeo. 

“Facemos unha valoración moi positiva destes 50 anos”, comenta Dores Fernández Abel, presidenta da asociación, en conversa con Nós Diario. "Trátase dunha agrupación que naceu nunhas circunstancias moi difíciles e distintas, en moitos aspectos, ás actuais, mais continuamos a traballar pola lingua e a cultura galegas" con "vitalidade" e coa vista posta no futuro. 

"50 anos é unha cifra case máxima, mais ao mesmo tempo é unha celebración de futuro" porque a asociación "ten que continuar" o seu labor cultural. "Vivimos en Ribadeo, mais aquí non acaba a cultura galega", explica Fernández, "o río Eo non é o linde da cultura e da lingua galegas, nós temos un contacto natural e habitual coas persoas que viven do outro lado e consideramos que forman parte tamén de nós mesmos" e, por tanto, "tamén quixemos incluír" nesta celebración "a xente que vive na parte das terras do Eo-Navia", afirma.

Cultura de base como impulsora social

"As asociacións temos unha función diferente á dunha institución ao uso" porque o pobo é o que está "directamente presente". As asociacións "non somos alleas nin ao que pasa no país nin ao mundo nin á política", senón que "somos o banzo máis baixo da comunidade", o máis próximo á sociedade.

No momento no que botou a andar a Francisco Lanza "os partidos políticos estaban prohibidos", lembra a presidenta, e nese contexto as asociacións tiñan tamén "unha actividade máis política" porque era a "única" forma "de facer algo diferente". Unha fórmula que se foi despregando por todo o territorio galego, até o punto de conformar un mapa cultural do que dá boa conta a publicación Crónica do movemento cultural galego na ditadura (1961-1976), tirada do prelo pola Fundación Terra e Tempo.

Programar hoxe

O asociacionismo cultural sufriu moitas mudanzas á hora de programar eventos, "mesmo normativas", xa que, a día de hoxe, as asociacións teñen un tratamento "case como unha empresa" e, por tanto, "non é fácil sacar adiante actividades se non se conta co apoio dun concello ou de calquera outra institución", valora Fernández. 

Para "nós", persoas sen ningún tipo de contrapartida nin de salario polo labor que realizan a nivel cultural, de forma altruísta, "se non hai un apoio é moi difícil levar adiante calquera tipo de iniciativa", lamenta. "Pensemos nas restricións da Covid-19, se non contamos con algunha institución que axude… unha asociación sen ánimo de lucro teno moi difícil" á hora de programar. Debido a esas cuestións, Dores Fernández considera que moitas asociacións deixaron de traballar polas dificultades que teñen para levar adiante as actividades: "O traballo altruísta, cando ademais hai moitos atrancos, desalenta as persoas", di. 

Coa mirada posta no futuro

"Quédanos moito traballo por diante. Esta é unha agrupación viva, con futuro", afirma a presidenta da Francisco Lanza ao ser preguntada polos próximos pasos a dar desde a cultural. "É importante ter apoios das institucións e que nós mesmas, as persoas que facemos parte do asociacionismo, saibamos adaptarnos ás novas circunstancias", valora. Neste senso, Fernández Abel considera que as asociacións son "un revulsivo" para as propias institucións, para os concellos e para a Xunta. "O concello de Ribadeo asumiu moitas das actividades que estaba facendo a asociación" e a agrupación tivo que reinventarse. 

"Gustaríamos pór en valor este traballo e o doutras asociacións senlleiras, como pode ser Sementeira, de Viveiro, que naceu a canda a nosa". Moitas delas hoxe en día están "aletargadas" ou "deixaron de funcionar", engade, "mais deberiamos, se é posíbel, adaptarnos aos novos tempos e ver que as asociacións poden facer moitas cousas que as institucións non fan e encher ese oco que queda de achegamento ao pobo porque aí está o noso valor", afirma. 

Francisco Lanza Álvarez

Francisco Nemesio Lanza Álvarez, coñecido como Paco Lanza, foi un xornalista e escritor galego de conviccións republicanas e galeguista. Nado en Ribadeo no ano 1892, foi membro do Seminario de Estudos Galegos e autor de libros como Ribadeo antigo ou Falan os de Ribadeo. Finado en en Buenos Aires en 1951, a Agrupación Cultural Francisco Lanza fundouse en Ribadeo vinte anos despois do seu pasamento. 

Unha declaración de intencións

Co gallo do 50 aniversario, a Agrupación Francisco Lanza tira do prelo unha publicación especial dos seus Cadernos ribadenses. Unha homenaxe para a que contan, alén das achegas imprescindíbeis de Eduardo Gutiérrez, Xavier Campos ou Dores Fernández Abel, con destacados persoeiros da cultura galega que pasaron por Ribadeo da man da asociación como Xaquín Marín, Xosé Lois 'O Carrabouxo' ou Siro López, Marica Campo, María Pilar García Negro, Francisco Rodríguez ou Xosé Manuel Beiras. A presentación dos Cadernos ribadenses será o día 16 de xullo, ao aire libre no auditorio de Cabanela, no Concello de Ribadeo, ao lado da ría, e no acto estarán presentes as persoas que dirixiron a agrupación cultural durante todos estes anos, excepto o primeiro presidente, xa falecido.

Comentarios