Entre o 5 de outubro e o 19 de marzo no Gaiás

A inminente chegada da 'Derradeira lección do mestre'

A derradeira lección do mestre está a piques de chegar por vez primeira a Galiza. O impoñente óleo de Castelao -máis de dous metros de altura, baseado nunha das estampas do álbum Galicia Mártir- exporase na Cidade da Cultura de Compostela entre o 5 de outubro e o 3 de marzo de 2019.
 

presentación Castelao Maxistral
photo_camera Presentación no Gaiás da exposición 'Castelao Maxistral'. Foto: Xunta.

a derradeira lección do mestre

Anunciouno esta mañá o conselleiro de Cultura Román Rodríguez, que presentou a mostra que acompañará o cadro e que comisaria Miguel Anxo Seixas: Castelao Maxistral. “[A derradeira lección do mestre] é unha obra irrepetíbel que falou de Galiza ante o mundo e trata das inxustizas”, resumiu Seixas. Castelao realizou a pintura no seu exilio arxentino en 1945. Na actualidade é propiedade do Centro Galicia de Bos Aires.

Segundo Rodríguez, o cadro arribará ao país “nuns días”. A exposición Castelao Maxistral comezará en outubro. Constará de 92 pezas que pretenden “render homenaxe aos mestres que xogaron un papel crucial no desenvolvemento do ensino público en Galiza ao longo das tres primeiras décadas do pasado século”. Ate que levantamento fascista de Franco o tronzou en 1936 e empuxou Castelao, entre outros moitos, ao exilio.

Na presentación de Castelao Maxistral tamén participaron o presidente da Fundación Alexandre Bóveda, o historiador Uxío-Breogán Diéguez, e mais da Fundación Castelao, Carlos Mella. “Castelao non fixo máis que no poñer ante a realidade e debuxou mellor ca ninguén o que foi e o que pode ser Galiza”, sintetizou Mella.

Comentarios