5 días de cine galego na Beira Interior de Portugal

Hai momentos e lugares que rachan coa idea de divorcio cultural entre Galiza e Portugal. Aínda que sexa unha ilusión. O lugar estes días é Belmonte, na Beira Interior portuguesa, e o momento, até o 11 de abril, coa celebración do Etnocine. O primeiro festival de cine etnográfico de Portugal ten como convidado oficial a Galiza e o seu cine. E, claro, había que estar.

belmonte
photo_camera belmonte

O culpable do Etnocine é o artista plástico Daniel Nave, que vive en Lisboa aínda que é orixinario de Belmonte, unha vila que olla cara a Serra da Estrela, na que residen ao redor de 3.000 persoas e na que aínda pervive unha comunidade xudea, visitada por turistas de todo o mundo. Xunto a el, codirixen o festival Ana Catarina Pereira e Fernando Cabral, profesores na Universidade da Beira interior, na localidade de Covilhá, onde se imparte a titulación de cinema e que é a segunda sede do Etnocine.

"Trátase dunha oportunidade porque desde a cámara municipal había necesidade de situarse, de incidir na descentralización cultural, que non todo pase no Porto e Lisboa", comenta. Por que etnografía e por que Galicia? Nave teno claro. "Etnocine é o primeiro festival destas características en Portugal, nun país riquísimo en etnografía. Como Galicia, que ademais conta co novo cine galego, do que souben a través do DocLisboa", explica.

Ana Estévez, responsable do departamento de actividades do Museo do Pobo Galego e da mostra de cine etnográfico que esta institución organiza anualmente, encargouse de inaugurar o martes 7 o festival en Belmonte. Introducíu as películas Galicia de Carlos Velo e O carro e o home de Xaquín Lorenzo "Xocas" e Antonio Román, que era a primeira vez que se proxectaban oficialmente en Portugal. Pola súa parte, Xosé Manuel Sande, programador do CGAI, deu unha conferencia sobre o novo cine galego o mércores 8 na universidade. "Que autores como Oliver Laxe con Todos vós sodes capitáns cheguen a Cannes, Peque Varela con 1977 a Sundance ou Lois Patiño con Costa da Morte a Locarno marcan feitos inéditos en Galicia, nunca conseguidos antes con ningunha estratexia de industria", explicou. 

O "movemento" do novo cine galego

Sande fixo un repaso polo cine galego para chegar ao que considera un "movemento" que inclúe nomes como Laxe e Patiño, pero tamén Xurxo González, Eloy Enciso, Vicente Vásquez, Peque Varela ou Pela del Álamo, entre outros. En Belmonte hai pases estes días de Canedo (Vicente Vásquez e Usue Arrieta), Nacional VI (Pela del Álamo), Paris 1 (Oliver Laxe), Arraianos (Eloy Enciso) e A raia (Iván Castiñeiras). 

Curiosidade ao afondar no traballo de Michel Giacometti, unha sorte de Alan Lomax corso que dedicou media vida á recollida en Portugal, homenaxeado no Etnocine cunha mostra e proxeccións dos seus traballos. Sorpresa ao visionar o singular musical etnográfico de João Botelho Anquanto la lhéngua fur cantada (2012), sobre o mirandés, e  pracer de coñecer a Laura Gonçalves, nacida en Belmonte e unha das máis destacadas creadoras de animación en Portugal. Ledicia, que arrancou xa coa vala publicitaria do Etnocine na A23 que nos levou a Belmonte, e que continuou ao percibir o interese e coñecemento que a organización do festival ten da vella e da nova creación cinematográfica en Galicia. E desexos de que Etnocine continúe na vila de Belmonte co apoio da canle pública RTP e co cultísimo Daniel Nave á fronte, que xa nos adianta que en 2016 Brasil será o país convidado. Habemos de ir.

Comentarios