Mascarada Ibérica

Preludio do entroido en Viana do Bolo e Vilariño de Conso

Os concellos ourensáns acolleron esta fin de semana a cuarta edición da Mascarada Ibérica, poñendo a máquina a ponto para un entroido que dará comezo en Xinzo apenas dentro dunha semana. Por volta de 600 persoas participaron nun desfile en que tomaron parte até 40 compañías vindas de toda a península.

Entroido 2018. Mascarada Ibérica. Viana do Bolo
photo_camera Un momento do desfile

Folións de Viana, de Buxán (O Bolo) ou da Mourela p'acá de Manzaneda, máscaras como o Touro ou o Xigante de Celanvente, as Pantallas de Xinzo, os Cigarróns de Verín, os Vergalleiros de Sarreus, os Felos de Maceda, as Bonitas de Sande, os Troiteiros de Bande ou os Peliqueiros e Parranfóns de Campobecerros. Un abigarrado e multicor desfile -mais unha vez o faiscante entroido galego- encheu de vida esta fin de semana as rúas de Viana do Bolo e Vilariño de Conso nun dos eventos etnográficos de maior potencia iconográfica de todos cantos se desenvolven no país.

Na Mascarada Ibérica déronse cita até 40 festas de inverno -celebracións pagás do cambio das estacións- da península ibérica -cántabras, zamoranas...-, con representación tamén portuguesa: os Caretos de Lazarim e Parada, o Careto de Valverde, o Chocalheiro de Bemposta ou os Velhos de Bruços.

Organizou o evento -o pórtico do entroido que xa dará comezo a próxima semana en Xinzo para logo se estender ao conxunto do país- a Comisión do Entroido 2018 de Viana do Bolo, a Asociación Xuntos polo Folión de Vilariño de Conso e a Saga, en colaboración coa Asociación de Mulleres Rurais de Viana.

Comentarios