'Sermos Galiza' celebra este sábado o 40 aniversario do Carrabouxo

Tamén analizamos o futuro das embarcacións tradicionais e afondamos na obra arquitectónica de Antonio Pernas Varela, alén de diversos contidos sobre literatura, música, cinema ou cociña. Este sábado, xunto ao 'Nós Diario' e o 'Sermos Galiza', recibirás de balde a publicación 'Símbolos nacionais de Galiza', da autoría de Manuel Ferreiro e Xoán Costa.
Detalles do semanario 'Sermos Galiza' deste sábado.
photo_camera Detalles do semanario 'Sermos Galiza' deste sábado.

Como cada sábado, Nós Diario trae entre as súas páxinas un novo número do semanario Sermos Galiza. O semanario protagonízao, desta volta, o humorista gráfico Xosé Lois González Vázquez, que é entrevistado por Antón Escuredo con motivo do 40º aniversario da primeira aparición do Carrabouxo, o personaxe cuxa sona fixo que se coñecera o propio autor por ese nome.

"Lembro un que non gustou mais xa estaba na rúa. O propio Fraga chamou o director do xornal para dicirlle que estaba a favor da liberdade de expresión mais que o chiste que publicara 'era de moi mal gusto'. Tratábase de cando Fraga traia presos cubanos á Galiza e eu debuxei un preso coas mans atadas cunha cinta e Fraga estaba inaugurando e dicía 'queda inaugurado este preso'. E o Carrabouxo dicía 'o outro inauguraba présas'", sinala Xosé Lois nesta conversa que se publica o sábado.

As embarcacións tradicionais

O Censo de Patrimonio Cultural galego da Xunta creou unha base de datos no ano 2019 onde comezaron a incorporar embarcacións tradicionais construídas por carpinteiros de ribeira. No pasado mes de outubro, dito censo chegou aos 50 barcos grazas á adhesión de 27 novos exemplares. Sobre isto versa a primeira das reportaxes deste Sermos.

"O mar a bordo sempre estivo en mans de homes, como ben sinalaba Marilar Aleixandre n'A expedición do Pacífico (Xerais). Aínda que non é unha tarefa doada, Culturmar traballa por conseguir que as mulleres se incorporen a todas as actividades relacionadas coa navegación. Antes quedaban en terra, quizais porque as ataba a responsabilidade da casa e dos fillos, mesmo cando facían labores tan heroicas como o marisqueo de rocha", expón a xornalista nesta peza.

Pernas Varela, o 'invisíbel'

A segunda reportaxe deste Sermos asínaa Iago Valverde, que analiza como o arquitecto Antonio Pernas Varela sandou varias xoias do patrimonio galego dunha forma moi discreta. O seu traballo, para moitos invisíbel, busca o equilibrio entre respectar o monumento e, ao mesmo tempo, non renunciar a deixar unha achega para o futuro.

"Escribo e fago diagramas para ordenar as ideas. Gústame ler para documentarme... aínda que cos anos estou perdendo vista. Este defecto meu, o de gañar dioptrías cos anos, faime preocuparme menos dos pequenos defectos. Non son tan importantes os defectos superficiais como os defectos de fondo. A formulación é o que ten que ser atinado. Se tes a formulación ben, o outro vai chegando", explica o arquitecto.

Música, arte e lecer

O apartado musical corre a conta de Herminio González, que trae as últimas novidades, a comezar por Ascensión, de Seso Durán, mentres Fernando Montenegro asina o artigo titulado José de Vaquedano, recuperado.

Como vén sendo habitual, o experto en cinema Andrés Castro analiza os filmes máis destacados, entre eles Orfeo, de Jean Cocteau, mentres Anxo Fole ofrece na sección de Cociña un menú de outono composto por callos veganos, polo con peras ao viño e panna cotta de laranxa con mel e noces.

Noutra orde, Tensi Xesteira analiza na sección de Libros a obra Maternidades virtuosas, de María do Cebreiro Rábade Villar (Ed. Galaxia), así como outras novidades literarias, mentres Inma Otero Varela fala de Unidade, de Alba Doval (Ed. Rodolfo e Priscila). Aliás, o colectivo Xea lévanos a facer un percorrido polo litoral de Vilaboa.

Por último, as dúas páxinas de pasatempos corren a conta deXerardo R. Roca Xoán Costa.

*Lembra que podes atopar o Sermos Galiza acompañando o xornal Nós Diario, que este sábado vén acompañado tamén da publicación Símbolos nacionais de Galiza, da autoría de Manuel Ferreiro e Xoán CostaTodo iso por só tres euros!

Comentarios