Catro voces das letras do país avalían o rol dos premios na literatura galega

Que rol xogan os premios na literatura da Galiza? Espallan as nosas letras? Son vieiros para o aparecimento de novos talentos? A estas perguntas formuladas pola Deputación de Pontevedra contestan catro referentes literarios do país.

Feira do libro da Coruña.
photo_camera Libros a seren mostrados nunha feira editorial

AS PERGUNTAS

1. Cal cres que é o papel dos premios na literatura galega?
2. Pensas que os premios literarios dinamizan o uso da lingua galega?
3. Promoven o público lector en lingua galega?
4. Serven de canteira para afianzar o sistema editorial en lingua galega?
5. Que fito destacarías relacionado cos premios literarios en lingua galega?

AS RESPOSTAS

Fina CasalderreyFina Casalderrey. Académica da RAG

1.-Naceron como un incentivo para estimular a creación en galego, unha sorte de “busca” para irmos construíndo un digno e urxente corpus literario nunha lingua tantos anos maltratada. Eses certames, como o convocado desde 1968 pola asociación O Facho, tiñan moito de militancia e compromiso. Hoxe, cunha literatura máis consolidada, exercen asemade de estratexia para impulsar as vendas dunha editorial ou como chamadas de atención arredor do labor desenvolvido por unha entidade cultural.

2.-Quizais algúns autores comecen a escribir en galego por considerar que teñen máis oportunidades de gañar e abrir portas ás publicacións. A concienciación, nalgúns casos, vén despois. Isto sábeno ben os ensinantes, que argallan certames con esa intención. Porén, resulta alentador reparar en que existen, asemade, outros vieiros que nos animan a coñecer, usar e amar a lingua de noso.

3.-Probablemente un premio literario non signifique moito para a literatura dunha maneira obxectiva, pero é indubidable que crea unha maior expectativa de lectores. É unha excelente publicidade que seduce de inmediato o gran público, sen a lentitude do boca a boca. Dise que os premios se crean para chegar á gran masa de lectores, non aos de “elite” que non precisan de “recomendacións”. Conste que somos, en xeral, máis “vulnerables” a eles do que coidamos.

4.-Sempre que non sexa a única fórmula, si, resulta útil. De feito, son xa tantos os premios que hai na actualidade que é doado que pasen inadvertidos libros interesantes que non participaron ou non gañaron ningún deles, de aí que moitos títulos teñan presentacións ao máis puro estilo “Planeta”, con actos en diferentes puntos de todo o país. As distintas modalidades, referíndonos só en Galicia, darían para un amplo ensaio sobre o tema. Que algúns certames limiten a idade dos participantes é unha oportunidade de facer “canteira”, doutro xeito,
diante de autoras e autores consagrados, teríano máis difícil.

5.-O ano 1986 abriu unha porta importante para a literatura gaelga fóra das fronteiras. O Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil a Das cousas de Ramón Lamote de Paco Martín marcou un fito. El mesmo non sabía da súa existencia, pois nunca se lle dera a unha obra na nosa lingua. Foi un espello no que mirármonos: a literatura galega "voando fóra" nesa gloria dos escaparates que significa un premio deste calibre!

Francisco Castro Francisco Castro. Director Xeral de Editorial Galaxia.


1.-Gustaríame dicir que é un papel cativo, porque temos un mercado amplo e un número de lectores e lectoras impresionante, pero non é así. O papel é crucial e cómpre repetir uns cantos tópicos que, malia ser tópicos, son certos: aumentan a visibilidade dos libros, fan que os medios de comunicación, que polo xeral non lle dedican ningún (ou case que ningún) espazo aos libros, se centren nese libro e na autora ou autor. Quen critica os premios adoitan ser, polo xeral, os que nunca os gañan. Son fundamentais.

2.-Iso xa non o teño tan claro. Non creo que un autor ou autora decida escribir en galego polo feito de que haxa un premio en lingua galega. En todo caso, os premios literarios dinamizan o sistema literario galego. E moito.

3.-Claro que si. As lectoras e lectores saben que os premios galegos adoitan ser de grande calidade. E na mesa de novidades reparan neles e, grazas a que son premiados, acoden. Por outra banda, un sector importante de xente que le de cando en vez en galego, achégase a esas obras premiadas porque entenden que non lles vai defraudar. Por iso hai que salientar o beneficio que supoñen tamén para o sector das librarías, porque a prescrición de lecturas en galego para o ensino adoita ir por outras canles, pero no nicho comercial o feito de que que o libro leve unha faixa ou outro elemento similar indicando que é unha obra gañadora dun premio promove a súa visibilidade. E neste sentido, as librarías agradecen o calendario de premios co que contan ao longo do ano.

4.-Claro, mira o caso da Editorial Galaxia. Convocamos o premio Illa Nova de Narrativa para menores de 35 anos e foi impresionante a cantidade de orixinais que recibimos, tanto nesa primeira edición como na actual, que xa está valorando o xurado. Publicamos a obra gañadora, pero o xurado atopou e recomendou tres novelas máis que verán a luz este 2018. Aí temos un exemplo de canteira literaria...

5.-Sería difícil destacar unha única obra. Eu destacaría un premio por enriba de todos: o Blanco Amor. Se un repasa a nómina de gañadores e gañadoras, é parte do canon máis brillante da literatura de nós.

Manuel Bragado. Foto: Janite

Manuel Bragado. Director xeral de Editorial Xerais.

1.-Son un apoio e un estímulo para a creación, e axudan á visibilización de textos de excelencia. Na literatura galega posúen o valor engadido de apoiar o sector editorial e poñer en valor a lingua. Nun contexto desfavorable para a visibilidade social do libro en galego como o que vivimos, sobre todo para os xéneros non narrativos, contribúen á descuberta de novos autores e autoras.

2.-O fomento da lectura constitúe unha das estratexias máis eficaces para normalizar a lingua. Así estivo recoñecido no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega de 2004 e na Lei do Libro e da Lectura 2006, aínda vixente. Os premios, na medida en que recoñecen a excelencia dos textos literarios, contribúen ao fomento da lectura en galego.

3.-A ampliación do público lector en lingua galega é una tarefa complexa que a todos e todas obriga. Aos poderes públicos, tanto polas súas políticas de dotación bibliotecaria, como as de fomento de actividades de lectura e de creación literaria. Mais tamén lle corresponde a todo o sector do libro, editoras, librarías e asociacións de creadores. A eficacia dos premios literarios será maior canto máis vizoso sexa o ecosistema da lectura, cantas máis actividades se organicen de fomento e visibilización, sexan presentacións, clubs de lectura ou participación nos medios de comunicación.

4.-Tradicionalmente esta foi unha das funcións principais: facer canteira e descubrir autoras e autores. Mesmo hai premios específicos dirixidos a escritoras e escritores novos, asumindo que a renovación xeracional constitúe unha garantía para a continuidade do noso sistema literario. Por ventura, na literatura galega actual non existe perigo de fenda xeracional, sobre todo dende a irrupción da que temos chamado “Xeración da Esperanza”, da que forman parte máis dun cento de autoras e autores que comezaron a publicar na última década, con forte presenza feminina e con presenza destacada nas nóminas dos premios.

5.-O maior éxito é a continuidade, tanto dos convocados por entidades privadas como Xerais, con trinta e cinco anos, como os de institucións públicas, como o de novela García Barros do concello da Estrada, con case trinta, ou o de poesía Johan Carballeira do concello de Bueu, con máis de dez. Repasando as listaxes de obras gañadoras dos diversos certames e as actas dos seus xurados reconstrúese
una parte da nosa creación literaria. Un valor impagable.

Mercedes QueixasMercedes Queixas. Secretaria da Asociación de Escritoras/es en lingua galega.

1.-O papel dos premios é común a todas as literaturas: recoñecer unha obra pola súa excelencia, valor orixinal, carácter innovador e, en definitiva, o enriquecemento que suma á totalidade do sistema literario ao que se incorpora. Asemade, a posibilidade de levar aparellada a edición da obra, abre o necesario campo da visibilidade, de entregar a creación persoal ao público e de recibir o retorno dos axentes da mediación lectora e da crítica.

2.- A literatura non existe sen a lingua que a nutre, sen a lingua en que a creadora a pensa, soña e coa que convive no proceso de creación. A escrita obriga a un exercicio lingüístico constante de procura, investigación, puído, até conseguir a expresión precisa, mesmo traballando ao tempo con varios rexistros e mesmo xéneros, pois cada un ten as súas propias esixencias lingüísticas. Se a escrita incentiva o uso da lingua galega, os premios tamén porque o valoran, prestixian e dignifican.

3.-Con certeza! Son un bo escaparate para reparar nunha parte da produción literaria que logo se amplifica a novas lecturas porque cada lectura rematada é unha porta aberta a outra.

4.-Son un estímulo fundamental, nomeadamente nesta altura de tantas dificultades para publicar en calquera xénero, e aínda máis nalgúns como a poesía ou o teatro. O respaldo dun premio é o mellor impulso para unha ópera prima e un aval sólido para sinaturas de recoñecemento literario.

5.-Optaría por poñer en valor todas e cada unha das convocatorias que existen, todas son imprescindíbeis. É unha oportunidade perdida para a literatura que un premio desapareza, cómpre lembrar a importante papel cumprido polos premios Esquío ou Biblos que abriron o camiño a voces novas que logo se foron consolidando. Felizmente, sostéñense outros que son referentes na historia literaria recente e, ao tempo, asistimos ao nacemento dalgúns novos que reforzan substantivamente a oferta: o Torrente Ballester para novela en galego, o Agustín Fernández Paz de narrativa infantil e xuvenil pola igualdade, o Illa Nova de narrativa ou o certame de textos teatrais Roberto Vidal Bolaño, o de xornalismo Manuel Lueiro Rey e o María Victoria Moreno de literatura xuvenil.

Este texto fai parte do A Fondo "A lingua con premio" que viu a luz conxuntamente co Sermos285 a 22 de febreiro de 2018
 

Comentarios