“Unha road movie metafísica sobre un grupo de viaxeiros que acompañan a un xeque marroquino enfermo”, describe a obra Brody, “a través da incríbel montaña e o deserto salvaxe ate a súa vila natal. O protagonista é o visionario actor non profesional Shakib Ben Omar”. O artigo, titulado The best movies of 2017 [Os mellores filmes de 2017], recolle 35 fitas e salienta como “evento máis relevante no mundo dos filmes” as denuncias de “abusos sexuais” contra o produtor Harvey Weinstein e “outros homes poderosos”.
Mimosas, a segunda longametraxe de Oliver Laxe e gañadora do Gran Premio da Semana da Crítica de Cannes, aparece no posto 33. Get Out, unha obra de terror que reflexiona sobre o racismo en Estados Unidos é que dirixiu Jason Peele, encabeza a escolla de Brody. Bruno Dumont, Terrence Malick, Paul Thomas Anderson, Agnès Varda, Matías Piñeiro, Hong Sang-soo ou David Lynch son algúns dos cineastas fundamentais do presente que comparten espazo co galego.
Laxe comezou este verán en Galiza a rodaxe do seu novo traballo, en que participan actores non profesionais e que trata sobre os incendios forestais.