Unha palabra para don Ricardo por cada día do mes de maio foi unha das iniciativas da Real Academia Galega para honrar ao mestre e escritor homenaxeado no Día das Letras deste ano.
Agora, rematado o mes, fica na web da Academia un ronsel de voces que contrúen un retrato de Ricardo Carvalho Calero, que aínda agarda polos festexos oficiais do 31 de outubro, data á que se adiou a celebración das Letras pola crise do coronavirus.
"Son intervencións breves que, no seu conxunto, conforman un poliedro de voces, admiracións e afectos", explicaba o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, a comezos de maio.
O académico Salvador García-Bodaño deu inicio coa palabra didáctica e coa lembranza do primeiro Día das Letras Galegas, data histórica en que Carvalho Calero pronunciou unha conferencia sobre a súa protagonista, Rosalía de Castro, e a obra Cantares gallegos.
Na serie participaron os académicos e académicas de número Euloxio Rodríguez Ruibal, Henrique Monteagudo, Margarita Ledo, Rosario Álvarez, Fina Casalderrey, Francisco Fernández Rei, Ramón Villares, Xosé Luís Regueira, Manuel González, Ana Romaní, Andrés Torres Queiruga e o presidente, Víctor F. Freixanes; así como os correspondentes Gonzalo Navaza, Mercedes Queixas Zas, Francisco Cidrás, Goretti Sanmartín e Fernando López-Acuña xunto a Darío Villanueva, Eduardo Maragoto e mais os estudosos da vida e obra de Carballo Calero Araceli Herrero Figueroa, Carmen Blanco, José Luís Rodríguez, Pilar García Negro, Claudio Rodríguez Fer, Pilar Pallarés, Henrique Rabuñal e Martinho Montero.