30.000 persoas conseguen para a “A Esmorga” unha nova marca histórica

O filme que leva á pantalla a novela de Blanco Amor bate unha nova marca. 30.000 persoas viron xa “A Esmorga” dirixida por Ignacio Vilar. O día 6 de marzo estrearase en Madrid. 

esmorgaxente
photo_camera esmorgaxente

Na súa terceira semana a película “A Esmorga”, dirixida por Ignacio Vilar, alcanza xa os 30.000 espectadores en toda Galiza, con tan só 18 copias en versión orixinal, integramente en galego. A película que conta a historia do Bocas, Milhomes e Cibrán sitúase na listaxe das 20 máis vistas en todo o territorio do Estado español. 

Producida por Vía Láctea Filmes, a Editorial Galaxia e a TVG, “A Esmorga” supón, segundo Rentrak Spain, unha marca histórica xa que continúa manténdose en todos os cines galegos cun descenso só de 26% fronte ao habitual que é unha baixa do 40 ao 50% a partir da segunda semana. O filme sitúase no oitavo lugar en canto a recadación media por copia nos cines do Estado. 

“Un dato pouco menos que espectacular tendo en conta o desembarco de coñecidas superproducións estadounidenses nunha das fins de semana do ano clave para as distribuidoras e salas de cine, por ser a data con maior asistencia de público”, valoran desde a produción da película. 

Vigo con 6.310 espectadores e espectadoras continúa a ser a cidade onde o filme foi máis visto seguida por Santiago con 4.817, A Coruña con 4.580, Ourense -cidade onde foi gravada- con 4.207, Lugo con 2.459 e Pontevedra con 1.547 entradas rexistradas. Os bos datos das billeteiras galegas permiten a estrea da película fóra do noso territorio. Polo de agora, está anunciada a exhibición da película nos cines Princesa de Madrid, onde se estreará o 6 de marzo. 

Comentarios