’25 anos ruxindo’: 32 bandas galegas renden homenaxe a Ruxe Ruxe

O grupo compostelán fai un cuarto de século sobre os escenarios.

Foto promocional da banda Ruxe Ruxe
photo_camera Foto promocional da banda Ruxe Ruxe

Espiño e Samesugas, O’ Leo, A Banda da Loba, Rastreros, The Teta´s Van, Pauliña, Zënzar, O Sonoro Maxín... e así até 32 bandas. O disco de homenaxe aos Ruxe Ruxe polo 25 aniversario dos composteláns reúne boa parte da heteroxénea e rica escena da música en galego para versionar o grupo que fai un cuarto de século de carreira.

A principios de mes tivo lugar a presentación do disco nun encontro sorpresa para os integrantes de Ruxe Ruxe, que se mostraron moi emocionados, indican os promotores desta iniciativa.

Poucas bandas do rock galego e en galego poden presumir de 25 veráns sobre os escenarios 

A idea orixinal e o lanzamento do disco foi iniciativa de Mario César (Túzaros, Invivo, Urko), Bocixa (Zënzar), Piedra (Deseqilibrio Mental, Astarot), na que participaron numerosos músicos galegos que quixeron mostrar aos Ruxe “a súa admiración e o seu agradecemento por estes 25 anos de carreira. Nestes tempos raros e difíciles para a música ao vivo e especialmente para o rock, este é sen dúbida o maior acontecemento musical dos dous últimos anos”.

Poucas bandas do rock galego e en galego poden presumir de 25 veráns sobre os escenarios e case unha ducia de traballos na discografía. Talvez só unha, procedente da periferia compostelá, no ronsel do movemento bravú e practicante de rock punk: Ruxe Ruxe.

Nunha entrevista cando os de Aríns chegaban aaos 20 anos de vida, o seu cantante, Vituco Neira, afirmaba que "estes 20 anos para nós pasaron en 20 segundos”.

Indicaba entón que "o balance para nós é superpositivo porque creo que cada vez somos mellor grupo. Quero pensar que as cancións son cada vez mellores e que o temos máis claro todo, que melloramos en todos os aspectos".

Comentarios