227 películas para un novo Cineuropa

En número, supera mesmo as edicións anteriores. 227 películas poderanse ver en Compostela do 9 ao 30 de novembro na 28 edición de Cineuropa. 

Catro espazos abrirán as súas portas un ano máis para o cine. O Teatro Principal, o Salón Teatro, o CGAC e Afundación ofrecerán do 9 ao 30 de novembro as 227 películas que programa o festival de Compostela, na que se atopan os palmarés dos principais festivais europeos ademais de interesantes retrospectivas temáticas. Ademais de cine, o programa Cineuropa Concerto completa a proposta con oito concertos da man da Banda Municipal de Música e a Real Filharmonía de Galicia

Ademais da Sección Oficial, o festival dirixido por Xosé Luís Losa, inclúe os apartados, Panorama Internacional, Fantastique Compostela, Panorama Audiovisual Galego ou DOCS-Music ademais de homenaxes e apartados cos nomes propios de Lauren Bacall e James Garner , Robim Williams, Resnais, Roy Anderson así como unha interesante proposta arredor de Hollywood: “Cando tiburón devorou o cine: ascenso e caída do novo Hollywood”. 

Cineuropa fai regresar máis un ano o cine á cidade de Compostela, na que nos últimos tempos pecharon todas as salas e só se poden ver películas en  pantalla grande no novo centro comercial situado nas Cancelas á espera da apertura da sala Numex. O programa completo pódese consultar na seguinte ligazón. 

Comentarios