"O 21 todos contra o 21%” chega á Coruña promovido por Clubtura

Para protestar contra o 21% de IVE cultural, a Santa Compaña visitará o día 21 a delegación de Facenda da Coruña dentro da campaña “O 21 todos contra o 21%” que promove na Galiza a Asociación Galega de Salas e Locais de música ao Vivo, Clubtura. 

Zënzar en concerto
photo_camera Zënzar en concerto

A campaña quere facer chegar á opinión pública o malestar dos sectores de ocio, cultura e espectáculo polo 21% de IVE cultural que está a levar, segundo denuncian “a ruína económica destas empresas e o deterioro da actividade turística e cultural do noso país”. 

A mobilización que se convoca para cada día 21 de mes en distintas capitais españolas promovida pola “Alianza Empresarial por el Turismo y el Ocio Nocturno, ProNOCHE” e a “Asociación Estatal de Salas de Música en Directo, ACCES” conta na Galiza coa convocatoria por parte da “Asociación Galega de Salas e Locais de música ao Vivo, Clubtura” e desenvólvese por vez primeira na Coruña esta terza feira, na data indicada do mes. 

Para a mobilización da Coruña desenvolverase un acto simbólico no que a “Santa Compaña do ocio e a cultura” será a protagonista, na súa visita á delegación de Facenda ás 11 horas para denunciar a inmobilidade do Ministerio de Facenda diante da grave crise que padece o sector, agravada pola imposición do 21% do IVE. A campaña difundirase tamén nos locais da cidade. 

Comentarios