O 2017, Ano Pondal con 100 actos dedicados á súa figura

Alén de Carlos Casares (Letras Galegas) e Maruxa Mallo (Día das Artes Galegas), o outro protagonista cultural do 2017 será Eduardo Pondal, de quen se cumpren 100 anos do seu pasamento.

pondal
photo_camera Eduardo Pondal

A Fundación Eduardo Pondal está atarefada cos preparativos dun Ano Pondal no que prometen que argallarán un cento de actividades arredor do poeta bergantiñán. Mentres andan á procura de financiamento, o xerente da institución -José María Varela- avanza que as celebracións comezarán o 8 de marzo (data do seu cabodano), con varias actividades, incluído un cupón da ONCE dedicado ao autor. 

Segundo Varela, “imos intentar celebrar este centenario como se merece e a cifra de 100 non asusta tanto se pensamos que 35 deses actos xa van ter lugar no Festiletras, o festival que organizamos cada ano en maio na aldea do Couto”, un dos eventos máis importantes no calendario das letras galegas. Ademais, organizarán dentro da súa Escola de Verán unha actividade chamada 'Que din os rumorosos?'. 

Tamén están a promover, ademas da declaración institucional do Ano Pondal, a declaración de Vilas do Rexurdimento para Ponteceso, Padrón e Celanova

Vilas do Rexurdimento

Alén disto, están en conversas coa Real Academia Galega -quen posúe a práctica totalidade do patrimonio do poeta- e co Consello da Cultura Galega para levar adiante un congreso e unha exposición itinerante. E tamén están a promover, ademas da declaración institucional do Ano Pondal, a declaración de Vilas do Rexurdimento para Ponteceso, Padrón e Celanova xunto cos concellos e as respectivas fundacións dos protagonistas deste movemento: Pondal, Rosalía e Curros Enríquez. 

Un modelo diferente

A Fundación Eduardo Pondal non funciona como unha fundación dun escritor ao uso.  Non teñen casa-museo, dado que a casa natal do autor está ocupada pola familia Valdés (os Pondal non tiveron descendencia), “con quen temos unha boa relación de colaboración”, segundo Varela. 

Esta institución ocupa unha antiga reitoral na aldea do Couto (Ponteceso) onde estaba a partida de nacemento do poeta e dedícase, ademais de a promover a memoria do autor, a promover actividades socioculturais na contorna, desde unha escola de tempo libre até actividades educativas, como aulas científico-tecnolóxicas, cursos de todo tipo, etc. 

Comentarios