ENCONTRO GALEGO-PORTUGUÉS

20 anos de Teatragal

TeatroGal en Braga
photo_camera Un momento do TeatraGal

O 6, 7 e 8 de setembro de 1996 reuníronse en Cangas, e días despois en Viana do Castelo, dramaturgos, directores e actores da escena galega e portuguesa. Os nomes de Vidal Bolaño, José Martins, Manuel Guede, Carlos Porto, Castro Guedes, Eduardo Alonso ou Manuel Vieites evidencian a relevancia das voces que interviñeron nos debates sobre os emerxentes sistemas teatrais de Galicia e do Norte de Portugal. Sobre a mesa estaba o diálogo e discusión sobre o funcionamento da industria escénica e as oportunidades que a interacción e converxencia de ambos espazos dramáticos podía traer para o desenvolvemento conxunto dos sectores artísticos e culturais.

Teatragal foi o nome dado aos encontros que decorreron en tres edicións consecutivas e que foron o pórtico de interesantes iniciativas levadas a cabo nos últimos vinte anos: co-producións, intercambios e programas foron tecendo unha rede, aínda que descontinua, notablemente sólida de mutuo recoñecemento. Entre as iniciativas que partiron das reflexións desencadeadas nos encontros, non foi menor a proposta de creación do que viría a ser a Escola Superior de Arte Dramática de Galicia (ESAD). 

Sobre a mesa estaba o diálogo e discusión sobre o funcionamento da industria escénica en Galicia e no Norte de Portugal

Foi, de feito, pola relevancia dos encontros e pola convicción das potencialidades dese diálogo, dende o punto de vista creativo, cultural ou social, que o Instituto de Letras e Ciências Humanas da Universidade do Minho, no ano en que celebra o seu 40.º aniversario, e a Companhia de Teatro de Braga (CTB), tamén no seu 35º aniversario, decidiron conmemorar igualmente os vinte anos transcorridos do primeiro Teatragal. Non, desde unha perspectiva de mero homenaxe –aínda que tamén-, senón coa idea e pretensión de retomar o fío discursivo iniciado en 1996 e proxectalo para asentar o estado da cuestión e avaliar os desafíos, resistencias, oportunidades e limitacións da actividade teatral. Así foi, coa certeza da súa utilidade, como eu propio e o Rui Madeira, director da CTB, fomos pensando e dando forma á idea do coloquio “20 anos de Teatragal”.

O evento desenvolveuse en Braga, nos días 13 e 14 de maio, acompañado da representación no Theatro Circo dunha nova produción teatral luso-galaica: a peza A canoa, de Cándido Pazó, representada pola Escola da Noite de Coimbra. No serán do día 13, abriu o coloquio a evocación de Rui Madeira e Manuel Guede sobre a época de entusiasmo que significaron os Teatragal e as iniciativas conxuntas que comezaban a agromar a partir dos encontros de Cangas, así como a inesquecible lembranza de Bolaño, figura fundamental na forza creativa das iniciativas desenvolvidas. A evocación do dramaturgo compostelán antecedeu a conferencia de Guede sobre as montaxes escénicas de Valle-Inclán dirixidas por el –a última, A cabeça do Bautista, coa Companhia de Teatro de Braga-, no marco conceptual e físico da exposición “Outros verbos, novas lecturas. Valle-Inclán traducido”, do Consello da Cultura Galega, que escolleu a Universidade do Minho como unha das sedes desta mostra itinerante. 

O evento desenvolveuse en Braga, nos días 13 e 14 de maio, acompañado da representación no Theatro Circo dunha nova produción teatral luso-galaica: a peza A canoa, de Cándido Pazó

As sesións do día 14 organizáronse en torno a catro mesas de debate sobre a formación en teatro, a información e crítica teatral, a dirección escénica e acción institucional e, por último, a creación dramática e interpretación. Debateu a xente de teatro, rememorouse o espírito Teatragal e proxectouse o contexto de oportunidades que o diálogo escénico pode traer para os sectores teatrais galego e portugués. Asentouse a idea de que esta interacción non debe circunscribirse apenas ao norte de Portugal, senón a todo o país, falouse da relevancia dunha formación significativa nas escolas superiores e licenciaturas de teatro que consiga dar resposta ás necesidades do sector. De públicos formados e informados e da responsabilidade das escolas e a reactivación das humanidades como vehículo indispensable. Tamén de producións, circuítos e programas que constitúan un repertorio escénico propio (cítese aquí a última co-produción do proxecto Nós, estreada en Compostela, o pasado 1 de xuño), como contrapeso dun intercambio e programación teatral, que reduza os teatros periféricos a un mero folclorismo ou exotismo artístico. Do actor e da súa formación, da responsabilidade pública -ou non- dos teatros privados e públicos, residentes ou itinerantes. E, como dúas décadas atrás, das dificultades, da adaptabilidade, de ilusións, decepcións, consubstanciais á actividade teatral.

Notas dispersas collidas ao fío das intervencións que evocan o interese dos debates desenvolvidos e que as actas do evento recollerán polo miúdo. Latexou entre organizadores e participantes a percepción de ter contribuído a reavivar o diálogo teatragalense, na  consensual expectativa de que teñan no futuro o seguimento oportuno e de que se continúe a reescribir este entremés amigable entre o norte e o sur do río Miño. 

Comentarios