Seso Durán leva a memoria histórica a rexistros rock

1936 e o rock americano da Costa Leste

O músico Seso Durán (Marín, 1969) intérnase por territorios inexplorados, pescuda na combinación de linguaxes antes non artelladas, asómase a audiencias inéditas. Son da memoria (2017) é o disco no que, a partir do “rock americano da Costa Leste”, se debruza “sobre o que aconteceu tras o golpe de 1936. As vítimas, os verdugos, os lugares, o cable eléctrico que conecta o pasado co presente”.
 

seso duran
photo_camera O músico Seso Durán. Foto: cedida.

“Non estamos afeitos ao rock con contido político”, explica ao teléfono Durán, “pero iso é unha característica nosa, porque noutras tradicións, como a británica, é o habitual”. Máis que “rock político”, etiqueta elástica e unha miga imprecisa, o singular de Son da memoria é o tratamento clasicista -eléctrico, con órgano hammond e coros soul rock- da memoria histórica. “Si, é certo. Débese á falta de madureza do rock que facemos aquí”, insiste, “en Arxentina, por exemplo, hai temazos sobre os desaparecidos”.

As 11 cancións do traballo escribiunas e compúxoas Durán, agás a Pregaria de San Simón, realizada a partir dun texto do preso republicano Eduardo Pantaleón: “San Simón, San Simonciño, / San Simón, santo da serra, / quero pregarche santiño, / que nos saques d'ista terra”. Na caixa de ferramentas, ese “rock americano de Nova York, Sonic Youth, os Pixies”. Ou, como modelo confeso de fondo e forma, o estarrecedor Let England Shake (2011) co que a inglesa PJ Harvey atacou o imperialismo de Gran Bretaña.

O músico reside en Redondela, onde imparte clases de música, desde hai anos. “Eu veño do folk, do grupo Liorna, e teño formación clásica”, autoanalízase, “porén, o rock é o terreo en que me sinto máis cómodo”. E que cadra mellor coa temperatura da súa lírica: “Gústame aquel rock que non quere ser poético no sentido literario do termo, senón directo”. Como en O fillo asasino, inspirada en Nature Boy de Nick Cave & the Bad Seeds, na que fala a nai dun falanxista: “Vai facer a distancia o que ninguén / quere, o que hai que facer, / a exterminar os inimigos da democracia occidental”.

Rock adulto e, por veces, de ecos setenteiros, Seso Durán non se formulou moi concretamente a quen se dirixe. “Non o sei, sei que pode ser unha música transversal”, di, aínda que engade unha reflexión: “Se cadra, para un rockeiro é un disco raro, polos temas que trata, e para outro tipo de público de máis idade, ou máis cultivado, tratar estes temas así renxe”. E lamenta que aínda sexa unha opinión estendida aquela que infravalora “a música que se percibe con algo máis que co que está da cabeza para arriba. Non asimilamos a música como cultura e iso é un problema”.

Son da memoria, editado e distribuído polo selo Inquedanzas Sonoras, está a percorrer o circuíto de locais musicais. Esta quinta feira, Durán e a súa banda lévano á Disco Tasca de Redondela. E en xaneiro anuncian concertos en Compostela, Ferrol ou A Coruña.