O 18 de decembro chega 'Ons' aos cines

É a quinta longametraxe de Alfonso Zarauza
ons
photo_camera Imaxe da longametraxe. (Foto: Nós Diario)

"Quería facer unha película que falase da necesidade e a escaseza. Neste caso da necesidade de amor, de seguridade emocional, de maternidade e de desexo, pero tamén da escaseza de todo iso", di o director da película Ons, Alfonso Zarauza, que se rodeou para o proxecto dun elenco técnico de probada experiencia e prestixio. 

Ons é a quinta longametraxe do director compostelán e o seu elenco artístico está integrado por Antonio Durán "Morris", Melania Cruz, Xúlio Abonjo, Marta Lado, Anaël Snoek, Diego Anido, Cris Iglesias e Miguel de Lira. Até entón o filme, que estivo presente no Festival de Sevilla, continuará coas súas proxeccións en diversos foros. Este domingo 22, será a quenda do Cineuropa, en Compostela.

A historia conta unha profunda depresión pola morte do seu amante nun accidente de coche, o doutor Vicente (Antonio Durán, "Morris") chega xunto á súa esposa Mariña (Melania Cruz) a unha remota illa do atlántico, co obxectivo de pasar o verán, curar a súa enfermidade e recuperar o seu matrimonio.

A vida na solitaria illa séntalle ben a Vicente, que lle pide á súa muller prolongar a súa estancia e pasar o outono. Cada día vaise sentindo mellor, ata que tras un naufraxio no medio dun temporal, unha misteriosa e  amnésica muller aparece na illa e irrompe nas súas vidas. A partir dese momento xa nada volverá ser o que era.

Despois do seu paso polo Festival de Cine de Sevilla e antes da súa estrea en salas, o filme continuará co seu percorrido por festivais como Cineuropa (este domingo 22 de novembro, no que o director recollerá tamén un dos premios honoríficos desta edición) ou Márgenes (cunha proxección o 28 de novembro na Cineteca de Madrid).

Alén disto, o próximo 27 de novembro a Culturgal tamén contará na súa programación cun evento especial no que, antes da súa proxección, integrantes do equipo presentarán o filme e se contará coa música en directo de Chicharrón.

O trío de Carballo achega á banda sonora de Ons o tema Na cela, que adapta un poema de Antía Otero, e prevé acompañar o filme nalgunhas das presentacións previstas de cara á estrea do 18 de decembro en salas comerciais.

Comentarios