Novo disco e xira d'Os Resentidos con temas do trinque

Volven Os Resentidos máis ídem ca nunca, cun novo disco e DVD en directo que nos trae clásicos e cancións novas como “Grelicia”, “Anti-Sistema” ou “Warren Buffet”, que interpretan por primeira vez cunha big band, a da Banda “A Lira” de Ribadavia. 

concerto-resentidos
photo_camera Un momento do concerto de Ourense

O mítico grupo de rock liderado por Antón Reixa regresou este ano aos escenarios nun formato con big band para celebrar o 30º aniversario de “Galicia Caníbal”, cun concerto moi especial gravado en Ourense que agora se lanza en CD/DVD e álbum dixital. Estará dispoñible nas tendas a partir deste 17 de xuño.

Nesta ocasión as guitarras e as gaitas dos Resentidos fusiónanse coa Banda “A Lira” de Ribadavia, a máis veterana de Galiza, para facer unha homenaxe á tradición da música popular galega revisitando temas emblemáticos como “Galicia Caníbal”, “Sector Naval”, “Economía Sumerxida” ou “Sitio distinto”. 

Por primeira vez desde 1993, Os Resentidos presentan neste traballo media ducia de cancións novas. Títulos como “Grelicia”, “Anti-sistema” ou “Warren Buffet” móstrannos o lado máis combativo da banda. 

Ademais, por primeira vez desde 1993, Os Resentidos presentan neste traballo media ducia de cancións novas. Títulos como “Grelicia”, “Anti-sistema” ou “Warren Buffet” móstrannos o lado máis combativo da banda cunhas letras cheas de coraxe e perplexidade ante a realidade económica mundial. Tamén se atreven cunha particular versión do “Mambo Galego” de Xavier Cugat co retrouso «Coidado coas mans que logo van ao pan».
Neste directo, gravado no Teatro Principal de Ourense co patrocinio da Deputación, a banda contou coa colaboración de emblemáticos músicos galegos como Sés en “Dálle beibe dálle” e “Sex O’ Clock”, Sito Sedes en “Tumbao” ou Roberto Sobrado en “Atlántico”. Os Resentidos continúan a súa xira en directo coa big band “A Lira” ao longo de 2016. 

País de curvas perplexas

Así explican eles mesmos o seu regreso: “Vén mesturado coa melancolía da Lira de Ribadavia (Punkies si que eran aqueles labregos que hai máis de 175 anos fundaron unha banda nunha Galicia que parecía o cu do mundo!) e coa voz de seda de Sito Sedes, excantante de Los Satélites. Trinta anos despois de Galicia Caníbal, a través de 'Fai Un Sol De Carallo-suite' a obstinada realidade volve demostrar que vivimos nun país de curvas perplexas e que a liña recta non é a distancia máis curta entre dous puntos. Segue vixente a crise do Sector Naval, o apoxeo da Economía Sumerxida ou a evidencia de que os traballadores viven recluídos nun peculiar Zoo-Lóxico. Os cambios son pequenos, demasiado pequenos e non pouco terribles. Fai Un Sol De Carallo podería ser agora un berro contra o cambio climático". 

Comentarios