As 167 cartas que se enviaron Otero Pedrayo e Carvalho Calero estarán dispoñíbeis 'online'

Este sábado asinouse na Casa Grande de Cimadevila, Trasalba, o convenio entre a Fundación Otero Pedrayo e o Consello da Cultura Galega co que se busca poñer o arquivo epistolar da correspondencia entre Ramón Otero Pedrayo e Ricardo Carvalho Calero, protagonista das Letras Galegas deste ano, ao dispor da cidadanía.

Ricardo Carvalho Calero. Foto 560x362
photo_camera Ricardo Carvalho Calero.

Trátase das 167 cartas que os escritores se enviaron entre 1949 e 1974, que pasarán a estar estar dispoñíbeis' online' para estudo ou consulta.

 A firma contou coa herdeira de Carvalho Calero, María Vitoria Carvalho Calero, e o presidente da Fundación Penzol, Manuel Puga Pereira; así como co presidente do Parlamento da Galiza, Miguel Santalices.

As 85 cartas enviadas por Otero Pedrayo están depositadas no Parlamento galego, mentres que as 82 remitidas por Carvalho Calero son custodiadas pola Fundación Penzol. 

Durante o acto, o presidente do Parlamento galego destacou que ambos os dous autores foron dúas persoas "comprometidas coa causa da liberdade e o galeguismo", que afrontaron dificultades na súa traxectoria "cunha enteireza, valentía e integridade realmente exemplares". "A Galiza actual está en débeda cos galeguistas históricos que antes e durante a ditadura, nuns casos desde o territorio, noutros desde a emigración ou desde o exilio, trazaron a senda do que é a Galiza actual", destacou. 

Comentarios