15bolos, focos sobre a música emerxente de Pontevedra

Cada semana arredor de 50 grupos ensaian no Local de Música de Pontevedra, un espazo público da Concellería de Xuventude creado para promocionar a música local. As prazas da Verdura e Teucro serán escenarios ata o día 2 do festival 15bolos, un programa para que se vexa a potencia da música emerxente na cidade. 

Concerto no Teucro de 15bolos
photo_camera Concerto no Teucro de 15bolos

Poñer focos sobre a nova música que nace en Pontevedra. Ese é o obxectivo de 15bolos, o programa organizado polo Local de Música, dependente da Concellaría de Xuventude en colaboración con Festas e Normalización que leva ás prazas da Verdura e o Teucro na última semana de xullo as músicas emerxentes da cidade. O programa inclúese dentro do oficial das festas de verán de Pontevedra. 

Cinco concertos na Praza da Verdura ás 21.30 horas e oito na do Teucro ás 22.30 servirán de acaído observatorio para pulsar o fervedoiro musical que anima Pontevedra. En 15bolos participarán Thee Blind Crows, gañadores do concurso promovido polo propio Local de Música, Fest 2013, The Bodysnatchers, triunfadores no Benveñasmaio, Vortex, primeiro na edición anterior, The grave dolls,  gañadores do Fest 2012, entre outros. O programa de concertos prolongarase até o venres 2 de agosto con actuacións diarias nas dúas prazas da cidade. 

O Local de Música é un espazo público municipal aberto a grupos noveis da cidade para que desenvolvan actividades de ensaio, gravación ou outras encamiñadas a promover e facilitar o nacemento e traballo da mocidade no ámbito musical. Cincuenta grupos e unhas 300 persoas empregan o local cada semana desde que en 2008 abriu as súas portas.

Comentarios