150 aniversario sen Valle en galego

A Xunta vén de presentar as actividades do 150 aniversario de Valle-Inclán, cunha extensa programación por todo o país, pero sen abordar un dos retos pendentes da cultura galega: representar a Valle en galego. 

VALLEINCLAN
photo_camera Ramón María del Valle-Inclán

Neste 2016 cheo de efemérides, o reparto de responsabilidades está claro: a Deputación da Coruña promove o Centenario das Irmandades; a de Pontevedra o Ano Castelao; a de Lugo o Ano Manuel María; e a Xunta, o centenario de Cela e o 150 aniversario de Valle-Inclán. 

Onte a Consellaría de Cultura e Educación presentou un amplo programa dedicado ao escritor arousán, pero que segue a deixar unha débeda pendente ao non ser posible a representación en galego (nin en euskara nin en catalán) da súa obra. Unha mácula aínda sen borrar na historia do Centro Dramático Galego, que estreou Valle en español en 1998. 

Múltiples actividades

Trátase dunha completa programación colectiva promovida pola Consellería de Cultura e Educación en colaboración coas principais entidades e organismos vinculados dalgún xeito á figura de Valle, como é o caso dos concellos da Pobra do Caramiñal e de Vilanova de Arousa, a Asociación Amigos de Valle-Inclán, a Fundación que leva o seu nome, a USC a través da Cátedra Valle-Inclán, o Consello da Cultura Galega, o Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) o Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI) e a Deputación de Pontevedra.

Dentro desta programación haberá iniciativas de difusión social e de dinamización dos espazos literarios do escritor; actividades audiovisuais, de artes escénicas e experiencias multiartísticas; eventos para a investigación académica e humanística, propostas expositivas, edicións conmemorativas, obradoiros infantís e iniciativas dirixidas ao ámbito educativo. Poden consultar as actividades, aquí

Comentarios