15 filmes “ideais” para pasar unha corentena con sentidiño

Hai que quedar na casa, por responsabilidade, sentido común e porque semella ser unha maneira moi eficaz para que todo volva á normalidade. Velaquí unha escolma ad hoc para pasar unha corentena con sentidiño...

Fotograma de 'O aviador', de Howard Hughes [Imaxe: Nós Diario].
photo_camera Fotograma de 'O aviador', de Howard Hughes [Imaxe: Nós Diario].

ESTALIDO (1995, Wolfgang Petersen). Dustin Hoffman, Rene Russo e Morgan Freeman a tope para conter un virus que provén dun animal, pero non dun morcego ou un pangolín... se non un macaco.

  • Clase maxistral de como levar con estilo un Equipo de Protección Persoal (EPP).
  • Moi recomendábel se o que procuras é perder a calma.

RÚA CLOVERFIELD 10 (2016, Dan Trachtenberg). A corentena nun búnker subterráneo é unha xenial alternativa, salvo que o teu compañeiro sexa un John Goodman sinistro e con perversas intencións.

  • Clase maxistral dos produtos de primeira necesidade para pasar a corentena.
  • Non apta para quen padeza de claustrofobia.

EXTINCTION (2015, Miguel Ángel Vivas). Produción de Vaca Films sobre un mundo ameazado por seres humanos mutados en seres salvaxes por unha infección pandémica.

  • Pasar a corentena xunto a quen odias non é unha boa idea.
  • Pasar a corentena xunto a quen odias pode ser unha boa oportunidade para a reconciliación.

A LUZ DA MIÑA VIDA (2019, Casey Affleck). Relata un mundo post-apocalíptico no que unha pandemia acabou con (case) todas as mulleres.

  • Cambia “mulleres” por “anciáns” e atina bastante.
  • Demostra que ir ao campo a pasar a corentena igual non é tan boa idea...

OSMOSE JONES (2001, Os irmáns Farrelly). Bill Murray está doente e dentro do seu corpo estase a librar unha batalla épica.

  • Visión animada dos anticorpos contra os virus.
  • Boa escusa para colar nas crianzas a serie “Era unha vez o corpo humano...”

A COUSA (1982, John Carpenter). Un grupo de científicos descobren un ser extraterrestre na Antártida. Pronto comeza a infectar a expedición un a un...

  • Os infectados son asintomáticos.
  • Ideal para afianzar a paranoia contra os que hai o teu redor.

DOCE MONOS (1995, Terry Gilliam). Un virus asasino provocou que a humanidade teña que vivir baixo terra. Bruce Willis viaxará no tempo para impedir que iso suceda.

  • Imprescindíbel para amantes da teoría da conspiración.
  • Ollo, representa unha distopía bastante plausíbel.

ALIEN, O OITAVO PASAXEIRO (1979, Ridley Scott). Un dos tripulantes da expedición da nave Nostromo porta un becho adherido o casco. Non fan caso a Sigourney Weaver e déixano pasar...

  • Clase maxistral do que pode pasar cando se salta o protocolo de corentena.
  • Confirma que os gatos son unha excelente compañía.

PARÁSITOS (2019, Bong Joon-ho). A gran triunfadora dos Óscars molestou moito a Donald Trump, o maior dirixente terraplanista do Globo xunto Bolsonaro.

  • Quen xa a viu saberá por que está nesta escolma.
  • ...quen non, xa está tardando (...non quero facer spoilers!!).

BLADE 2 (2002, Guillermo del Toro). Wesley Snipes axudará aos seus maiores inimigos a acabar cunha nova raza de vampiros que transmite un virus mutante.

  • Un dos chuchasangues fai “un Ortega-Smith” ao ocultar que acaba de ser infectado...
  • Demostra que nin os seres da noite están a salvo dos virus.

BUSCANDO A EVA (1999, Hugh Wilson). Christopher Walken e Sissy Spacek pasan 35 anos nun refuxio nuclear. O seu fillo Brendan Fraser está desexando saír e coñecer o mundo.

  • Adianta a ansiedade que imos sentir cando levemos uns cantos días sen saír...
  • Algo de comedia positiva e romanticismo non vén nada mal.

OLDBOY (2003, Park Chan-wook). Obra mestra coreana que parte da premisa dun home de negocios encerrado nunha habitación durante 15 anos contra a súa vontade.

  • Se o protagonista logra aguantar 15 anos... non vas aguantar ti 15 días?
  • Clase maxistral de como manter o corpo a punto durante a corentena (a mente non tanto...).

TRAIN TO BUSAN (2016, Yeon Sang-ho). Viaxar en tren cando fóra hai un virus letal que converte a xente en zombis pode parecer boa idea... pero non.

  • Clase maxistral de como fuxir dentro dun tren.
  • Dedicada aos fodechinchos que viaxaron con síntomas á costa...

O AVIADOR (2004, Martin Scorsese). Biopic do magnate e produtor de cinema Howard Hughes, un multimillonario que padeceu Trastorno Obsesivo Compulsivo.

  • Para ir asumindo que moitos e moitas acabaremos desenvolvendo un TOC.
  • Unha clase maxistral de como lavar as mans...

CONTAXIO (2011, Steven Soderberg). Filme coral sobre unha pandemia que ten de paciente cero unha Gwyneth Paltrow que pilla o virus en Hong Kong.

  • No seu momento pasou se pena nin gloria...
  • ...a día de hoxe asusta o grao de realismo profético.

Comentarios