15-A: Día das Galegas nas Letras

17-M? Non, 15-A! Desde este ano, as nosas letras teñen un novo día para conmemorar. Trátase do Día das Galegas nas Letras que inicia a súa andaina cunha festa feminista e colectiva promovida pola plataforma de crítica A Sega e que se desenvolverá no Areal de Berres, A Estrada. 

Mulleres en Roda_Carlos Maside
photo_camera Mulleres en Roda_Carlos Maside

A plataforma literaria feminista A Sega elixiu á investigadora Dorothé Schubarth como a primeira homenaxeada no Día das Galegas nas Letras. Unha xornada na que celebrar á figura da muller na cultura e literatura galega que terá como acto central unha romaría que se desenvolverá na Estrada.

O escenario da conmemoración será o Areal de Berres, na Estrada, un espazo natural á beira do río Ulla que a veciñanza recuperou para uso comunal. A festa vai ser colectiva á maneira das populares romarías e comezará por volta das 13.30 coa presentación do acto e a lectura do manifesto por parte das integrantes d´A Sega. Para media hora despois está previsto o inicio do “xantar compartido” ao que convidan a quen queira participar nunha convocatoria que se presenta como aberta e participativa coa alegría do canto e do baile. 

A festa iniciarase ás 16:00 horas e está prevista a intervención da contadora Paula Carballeira, a música Mercedes Peón, a guitarrista Isabel Rei e as pandeireteiras de Habelas Hainas. O micro permanecerá aberto para quen queira tocar, cantar e contar nun programa no que se agardan aínda novas incorporacións. 

De estadía curta a investigación profunda

Dorothé Schubarth chegou á nosa terra en 1978 e por entón era xa catedrática na Academia de Música de Lucerna. Buscaba descanso, logo de publicar unha inxente obra sobre a música popular europea. Do que ía ser en principio unha estancía curta, de meses, rematou nun traballo que hoxe se considera “a Biblia da lírica de tradición oral galega”. 

A musicóloga suíza percorreu cada recuncho da xeografía galega ao longo de seis anos, onde tomou centos de gravacións e testemuñas que manteñen vivo o legado da lírica popular. En sete volumes baixo o título Cancioneiro Popular Galego, recolleu a maior cantidade, e que se manteñen en mellor estado, de melodías e letras.

A importancia do traballo de Schubarth destaca ademais pola profundidade da análise e polos métodos de traballo utilizados. Parámetros de clasificación descoñecidos en Galiza que articularon unha nova visión da lírica popular. Os anteriores estudos, segundo A Sega, ficaran na superficie, non máis alá da compilación de cantigas. 

“Vimos dunha estirpe de mulleres que crearon textos para cantalos, que compuxeron música de palabras”, destaca a plataforma no manifesto do acto. 

Comentarios